Pestanas principais

A programación cultural do Concello de Ames continúa este venres co espectáculo de danza contemporánea “Nina Ninette”

Mércores, 12 de abril de 2023

“Nina Ninette” é a proposta do departamento de Cultura de Ames para comezar este mes de abril. O espectáculo de danza contemporánea terá lugar este venres 14 de abril, ás 18:00 horas. O espectáculo enmárcase dentro do convenio de colaboración entre a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e o Concello de Ames. As entradas para o espectáculo xa se poden adquirir a través da Billeteira electrónica. Premendo nesta ligazón pódese consultar a programación cultural ao completo para o primeiro semestre do ano.

“Nina Ninette” é un conto iniciático que se inspira na estética do Ballet Triádico de Oskar Schlemmer para danzar unha historia de beleza e rebeldía. Nina, valente e alegre a partes iguais, atopa unhas flores moi especiais que a levan a descubrir un mundo fantástico, habitado por seres máxicos, poderosos e divertidos. Todo é tan diferente, tan brillante, tan fermoso... Mais Nina sente a falta do seu fogar e decide marchar. A cuestión é que ese mundo é un labirinto, e, como todos os labirintos, é moi doado entrar pero moi complicado saír.

Baixo a dirección de María Torres; Marta Alonso, Paula Quintas e Carlota Mosquera interpretan unha versión moderna da Cincenta, unha historia en que Nina é quen de transformar a súa realidade familiar e escolar por méritos propios e sen a necesidade de atopar a un príncipe.

Nina Ninette é un espectáculo de danza contemporánea pensada para o público infantil e familiar de a partir de 3 anos.

Determinada Compañía
Determinada Compañía é a compañía formada por Marta Alonso Tejada e Paula Quintas nos seus traballos conxuntos como creadoras. Actualmente teñen catro espectáculos en cartel Nina Ninette, Tránsito 1, Alma e Up2down.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Presentan a obra de Xelís de Toro e ofrecen danza moderna con 'Nina Ninette' ós amesáns"

AMS GO!: "O Milladoiro acolle este venres o espectáculo de danza contemporánea 'Nina Ninette'"

Cartaz do espectáculo de danza Nina Ninette