Pestanas principais

Programa de Nadal. Un Nadal con actividades para toda a familia

Xoves, 15 de decembro de 2011

[15-12-2011] O Concello de Ames preparou un programa de Nadal con actividades para toda a familia, pero pensado especialmente para que os máis pequenos da casa gocen nunhas datas que se antollan moi especiais durante a infancia. A programación conta con actividades moi diversas para todos os públicos; obradoiros, teatro, deporte, a chegada dos Reis Magos de Oriente e moita maxia acompañarán aos amienses durante este Nadal. As actividades comezarán o próximo venres día 16 de decembro co Obradoiro Xuventude en Acción: Intercambio e Iniciativas Xuvenís e rematarán o 7 de xaneiro cun partido benéfico de Baloncesto. As actividades do programa desenvolveranse coma sempre tanto en Milladoiro coma en Bertamiráns e farán as delicias dos máis novos.

As festas do Nadal propician o lecer e o entretemento. Con ese motivo o Concello de Ames deseñou o Programa de Nadal 2011. Este programa comeza o vindeiro venres co Obradoiro Xuventude en Acción: Intercambio e Iniciativas Xuvenís" que será na Casa da Cultura de Bertamiráns dende as 18.30 horas ás 20.30 horas; ese mesmo día ás 19.00 horas levarase a cabo o acendido das luces de Nadal na Praza do Concello e ás 21.00 horas chegará á Casa da Cultura do Milladoiro a obra teatral "O Florido Pensil", cos actores X.Manuel Oliveira "Pico", Josito Porto, Federico Pérez e Antonio Durán "Morris".

O sábado 17 de decembro celebrarase o IX Trofeo de Nadal de kárate Concello de Ames. Será no pavillón de Bertamiráns á 16.30 horas. Tamén en Bertamiráns haberá un Festival de Maxia con varias actividades: de 11.00 a 12.00 horas os nenos de 11 a 14 anos poderán gozar dun Obradoiro de Maxia na Casa da Cultura (para participar nel hai que incribirse chamando ao teléfono 981 535 940 ata o venres16); de 12.30 a 13.30 a Praza de Chavián acollerá Maxia na Rúa no Mago Móbil, unha actividade aberta a tódolos públicos. Tamén o día 17 se celebrará o Mercado de Troco solidario, xusto, de troco e local. Os que asistan a este mercado poden levar ferramentas, pequenos electrodomésticos, xoguetes, libros etc. que non precisen e trocalos por outros que sexan da súa utilidade. Os obxectos deixaranse de 12.00 horas a 17.00 e a partir das 17.00 é cando se trocarán.O 17 tamén é xornada de teatro coa obra Obradoiro Intercultural de teatro do Milladoiro: "Bla, bla bla", que será tamén na Casa da Cultura do Milladoiro.

O domingo 18 tócalle á localidade do Milladoiro acoller o festival de maxia, tamén cun obradoiro de 11.00 a 12.00 horas no que todos os que o desexen se poderán inscribir ata o día 16 no teléfono 981 535 940, máis tarde haberá Maxia na rúa no Mago Móbil no aparcadoiro da Casa da Cultura do Milladoiro (de 12.30 a 13.30) e logo, a partir das 18.00 celebrarase o festival de maxia no auditorio.

O venres 23 haberá un festival de Nadal de Corais na casa da cultura de Bertamiráns ás 20.30 horas e un obradoiro de postais ecolóxicas de Nadal na Aula da Natureza, dende as 16.30 ás 19.30. O luns 26 celebrarase na Casa da Cultura do Milladoiro un taller de danza moderna e hip-hop e tamén alí, ás seis, hai un espectáculo de danza moderna; todo elo a cargo de As Dríadas, In-nova danza. O 27 haberá unha sesión de teatro infantil na Casa da Cultura de Bertamiráns con Teatro del Andamio e a obra Area e Auga.

O día 28 será a quenda da música tradicional. Os grupos A subela e Follas Novas actuarán na Casa da Cultura do Milladoiro, ás 20.30 horas. Ese mesmo día na Casa da Cultura de Bertamiráns, ás 17.00 horas proxectarase a película infantil "Cars2". O xoves 29 hai un taller de danza moderna e hip-hop na casa da Cultura de Bertamiráns ás 11.00 para tódolos públicos e para o que se requirirá previa inscripción no teléfono 981535 940 entre os días 19 e 22 de decembro. O espectáculo de danza moderna IN-NOVA chegará á casa da Cultura de Bertamiráns ás 18.00 horas ese mesmo día. A xornada do 30 de decembro será para xogos acuáticos na piscina municipal da Telleira. Haberá varios grupos segundo as idades e será preciso inscribirse no 981 884 991 antes das 14h do xoves 29.

Chega o mes de xaneiro e a diversión e as actividades seguen. O luns día 2 haberá un obradoiro de adornos e agasallos de Nadal na Aula da Natureza dende as 16.30 ás 19.30 horas. O martes 3 a compañía Panamesiana Teatro achega á casa da cultura de Milladoiro a obra "Oh que bonito é Panamá" ás 17.00 horas.

O Xoves día 5 de xaneiro chegan os Reis Magos de Oriente a Ames. Estarán no Pavillón de Milladoiro ás 18.00 horas e chegarán ao de Bertamiráns media hora máis tarde. Antes da recepción das súas maxestades haberá animación infantil. O colofón final do programa será o día 7 de xaneiro cun Partido Benéfico de Baloncesto Concello de Ames no pavillón polideportivo de Bertamiráns ás 20.00h.

Ademais das actividades descritas o Concello de Ames preparou unha Campaña de recollida de xoguetes, con puntos de recollida na Casa da Cultura de Bertamiráns e no Milladoiro ata o dous de xaneiro, o tradicional concurso de cartas aos Reis Magos, e os bailes para maiores que se celebran cada domingo lo local social de xuvilados e que teñen unha grande afluencia nestas datas festivas. É de interese para os pais fillos entre os 2 e 12 anos de idade saber que contarán cun servizo de ludoteca os días 19 e 26 de decembro e o 2 de xaneiro dende as 16.15h ás 20.15h; e o 5 de xaneiro dende as 11.00 horas ás 14.00 horas nos Centros de ocio Educalia en Bertamiráns e O Bosque Animado no Milladoiro.