Pestanas principais

Producións Teatrais Excéntricas representa en Ames o espectáculo “A cabeza do dragón”

Martes, 02 de maio de 2017

[02-05-2017] Este venres, 5 de maio, ás 21:00 horas, volve o teatro ao concello de Ames da man da compañía Producións Teatrais Excéntricas, que porá en escena, na Casa da Cultura de Bertamiráns, o espectáculo “A cabeza do dragón”. Trátase da primeira obra de Valle-Inclán representada en galego. As entradas para asistir a este espectáculo son de balde, pero hai que adquirir os convites na Billeteira electrónica. Tamén se poden conseguir os convites, de xeito anticipado e presencial, nas Casas da Cultura do Milladoiro e Bertamiráns, dirixíndose aos postos de conserxería e coa axuda dos técnicos do departamento de Cultura, de luns a venres, en horario de 10:00 a 13:00 horas. Ademais, resérvase o 10% dos convites para entregar de xeito presencial unha hora antes do comezo do espectáculo.

A cabeza do Dragón foi incluída polo autor, Ramón María del Valle-Inclán, nunha colección de farsas que, titulou, ironicamente, Retábulo de marionetas para educación de príncipes. Agora, por primeira vez, adaptouse esta obra de Valle-Inclán para ser representada en galego. Este espectáculo conta coa dramaturxia e dirección de Quico Cadaval, compartindo escenario cun elenco artístico de luxo: Iván Marcos, Yelena Molina, María Costas, Víctor Mosqueira, Patricia Vázquez, Josito Porto e Marcos Orsi.

A historia conta a viaxe ao corazón do dragón que se narra en todas as culturas do mundo. Un príncipe, Verdemar, foxe do reino materno por ter desobedecido ao rei, seu pai. No seu camiñar, cheo de experiencias, vai dar ao reino de Micomicón, que está a tremer baixo o alento fétido do Dragón. Como é costume, débenlle entregar a princesa Brancaflor ao monstro se queren salvar as vidas e as facendas do reino. Axudado por unha máscara para ocultar a súa identidade, Verdemar mata ao Dragón coa espada máxica e desaparece. Un capitán de bandidos, Espandián, topa a cabeza do mostro, e con ela vai reclamar o premio: a man da princesa e a coroa do reino. Ela rexeita ao impostor, e aquí é onde traballa o Duende, que leva toda a historia a coidar do príncipe en pago dunha antiga débeda: a liberdade.

Esta fábula, que é do dominio público, está brillantemente manipulado polo autor. Valle-Inclán introduce elementos actuais, crítica social, brincadeiras políticas, anacronismos argumentais, comentarios alleos á tradición do conto marabilloso… A función liberadora do riso, a corrupción política, a violencia machista, a anacrónica institución da monarquía, o medo á liberdade ou a banalización do amor romántico son temas da obra que continúan de actualidade. Valle-Inclán, coas oportunas manipulacións, leva a fábula ao grotesco contemporáneo que el creou: o esperpento. Entre a magnética influencia do Xapón e a potente tradición da farsa europea, chea de máscaras e de acrobáticos combates, móvese esta primeira versión galega de A Cabeza do Dragón no 80 aniversario da morte de Valle-Inclán.

As entradas para asistir a este espectáculo son de balde, pero hai que adquirir os convites na Billeteira electrónica. Este espectáculo é gratuíto grazas a Deputación provincial da Coruña que lle contratou as funcións á compañía e despois cédeas para que sexan representadas en diversos concellos da provincia. Tamén se poden conseguir os convites, de xeito anticipado e presencial, nas Casas da Cultura do Milladoiro e Bertamiráns, dirixíndose aos postos de conserxería e coa axuda dos técnicos do departamento de Cultura, de luns a venres, en horario de 10:00 a 13:00 horas. Ademais, resérvase o 10% dos convites para entregar de xeito presencial unha hora antes do comezo do espectáculo.