[14-11-2016] Este venres, 18 de novembro, a compañía Producións Teatrais Excéntricas presenta Os amores de Jacques O Fatalista. A peza representarase na Casa da Cultura do Milladoiro ás 21:00 horas. As entradas xa están á venda na Billeteira electrónica municipal.
María Costas, Víctor Mosqueira, Marcos Orsi e Pili Sanz suben ao escenario este venres para dar vida á adaptación que Quico Cadaval da coñecida obra de Denis Diderot. Nesta novela satírica do século XVIII o autor francés quixo analizar a psicoloxía do libre albedrío e do determinismo.
Mentres camiñan Jacques e os seu amo matan o tempo botando contos. Falan da vida, do amor, e din cousas das mulleres que tal vez calarían de estar algunha delas presentes. Cando chegan a unha pousada a súa dona decide sentar con eles para falar un rato. A muller fala, e fala, mentres tres homes- Jacques, o seu amo, e o marido da señora- escoitan atentamente. E na conversa, na que distintos contos e historias loitan por facerse escoitar, agroma a busca das diferencias entre a sedución e o namoramento, entre o sentimento e o instinto, a paixón e a violencia ou o insulto e a liberdade de expresión.
As entradas teñen un prezo de 5 euros, a xeral, e de 2,5 euros a reducida. Poden mercar entradas reducidas as persoas menores de 12 anos e as maiores de 65 anos, así coma os estudantes que presenten o carné. Unha hora antes do comezo do espectáculo tamén se porán á venda no despacho de billetes da Casa da Cultura do Milladoiro.