Pestanas principais

A proba de Agility que se celebrará esta fin de semana no Milladoiro contará con 74 participantes

Venres, 20 de abril de 2018

[20-04-2018] Esta fin de semana do 21 e 22 de abril, o campo de fútbol do Milladoiro acollerá a primeira proba de Agility puntuable para o campionato de España, que se celebra no concello de ames. Organizada polo club canino Amizar Agility, a proba conta coa colaboración do propio Concello, da S.D. Milladoiro, da empresa Arion e da clínica veterinaria Media Lúa. A proba contará coa presenza do xuíz portugués Jorge Pires.

O club canino Amizar Agility, en colaboración co Concello de Ames, a S.D. Milladoiro, a empresa Arion e a clínica Veterinaria Media Lúa, organiza para esta fin de semana unha proba dobre puntuable para o campionato de España 2019 da Real Sociedade Canina de España. A proba, que se celebrará no campo de fútbol do Milladoiro, rexerase pola normativa R.S.C.E. Na mesma competirán 74 participantes, 44 o sábado e 30 o domingo.

A competición presentará tres categorías diferentes, en función do tamaño dos cans. Desta maneira, a categoría mini inclúe aqueles animais cuxo salto non supera os 30 centímetros, mentres que a categoría midi engloba aqueles outros cuxo chimpo acada alturas de 40/50 centímetros. A terceira das categorías, denominada categoría estándar, inclúes os cans de maior tamaño que conseguen realizar saltos de ata 60 centímetros.

As competicións presentan asemade distintos graos. O primeiro deles equivalería a un nivel de iniciación, entanto que o segundo sería un nivel intermedio. O terceiro dos graos é o máis elevado na competición, ao presentar maiores esixencias cos animas e pistas de maior dificultade.

Ademais, cada un dos graos conta con dúas probas diferencias: o jumping e o agility. O jumping está conformado por circuítos nos que as zonas de contacto non están presentes, polo que neles os animais alcanzan velocidades superiores. O agility, pola súa banda, si que presenta zonas de contacto, as cales deben ser tocadas polos cans no desenvolvemento da proba.

Horarios da competición
Os cans estarán divididos nas categorías estándar e mini/midi para os graos 1, 2 e 3. O sábado, a competición comezará ás 16:30 horas coas probas correspondentes ao grao 1, a continuación, ás 17:15 horas, desenvolverase a correspondente ao grao 2, e de seguido a do grao 3. O domingo, comezarase ás 10:00 horas coas probas correspondentes ao grao 1, seguidas das probas dos graos 2 e 3. Os horarios poden variar segundo o número de participantes. A proba contará coa presenza do xuíz internacional portugués Jorge Pires. As persoas participantes deberán presentar a cartilla de puntuacións e levar consigo a cartilla veterinaria dos cans. As cartillas devolveranse despois da entrega de trofeos.


Contido relacionado


Compostela 24 Horas: "La prueba de Agility que se celebra este fin de semana en el campo de fútbol de Milladoiro contará con 74 participantes"