Pestanas principais

Principais medidas a ter en conta na fase 3 da desescalada que comeza a partir deste luns 8 de xuño de 2020

Domingo, 07 de xuño de 2020

O Concello de Ames informa que dende o día 8 de xuño de 2020, é aplicable á provincia da Coruña, e en concreto ao municipio de Ames a Orde SND/458/2020, do 30 de maio, para a flexibilización de determinadas restricións de ámbito nacional establecidas, tras a declaración do estado de alarma en aplicación da fase 3 do Plan para a transición cara a unha nova normalidade. Dende o Concello de Ames apélase á responsabilidade dos veciños e veciñas no cumprimento das normas polo ben común e evitar así un posible retroceso no control da pandemia da Covid-19. Preme nesta ligazón para consultar as principais medidas a ter en conta na fase 3 da desescalada que comeza a partir deste luns 8 de xuño.

Dende este luns, 8 de xuño, poderase circular pola comunidade autónoma de Galicia, que é a unidade territorial de referencia, sen prexuízo das excepcións que xustifiquen o desprazamento a outra parte do territorio nacional por motivos sanitarios, laborais, profesionais ou empresariais, de retorno ao lugar de residencia familiar, asistencia e coidado de maiores, dependentes ou persoas con discapacidade, causa de forza maior ou situación de necesidade ou calquera outra de análoga natureza.

Non quedará reservada ningunha franxa horaria a colectivo algún. No caso de contacto social con persoas que se atopan dentro dos grupos considerados vulnerables á COVID-19, deberanse extremar as medidas de seguridade e hixiene. Os grupos serán dun máximo de vinte persoas, excepto no caso de persoas convivintes.

Establecemento e locais comerciais minoristas
Os establecementos e locais comerciais comerciantes polo miúdo e de actividades de servizos profesionais que, con independencia da súa superficie útil de exposición e venda, abran ao público deberán cumprir todos os requisitos seguintes:

-Que se reduza ao cincuenta por cento o aforo total nos establecementos e locais. No caso de establecementos ou locais distribuídos en varias plantas, a presenza de clientes en cada unha delas deberá gardar esta mesma proporción. En calquera caso, deberase garantir unha distancia mínima de dous metros entre clientes. Nos locais nos que non sexa posible manter dita distancia, permitirase unicamente a permanencia dentro do local dun cliente.

-Que se estableza un horario de atención con servizo prioritario para maiores de 65 anos.

-Que cumpran adicionalmente coas medidas que se recollen nesta Orde.

Hostalería
Deberá asegurarse o mantemento da debida distancia física de dous metros entre as mesas ou, no seu caso, agrupacións de mesas. A mesa ou agrupación de mesas que se utilicen para este fin, deberán ser acordes ao número de persoas, permitindo que se respecten a distancia mínima de seguridade interpersoal.

Poderá procederse á apertura ao público dos establecementos de hostalería e restauración para consumo no local, sempre que non se supere o cincuenta por cento do seu aforo e se cumpran as condicións previstas neste capítulo.

Estará permitido o consumo en barra sempre que se garanta unha separación mínima de dous metros entre clientes ou, no seu caso, grupos de clientes.

Poderá procederse á apertura ao público das terrazas ao aire libre dos establecementos de hostalería e restauración limitándose o aforo ao setenta e cinco por cento das mesas permitidas no ano inmediatamente anterior en base á correspondente licenza municipal. No caso que a licenza sexa concedida por primeira vez, deberá limitarse o aforo ao setenta e cinco por cento do que sexa autorizado para este ano. Lembramos que o Concello de Ames ten publicado un Bando ao respecto.

Poderá procederse á reapertura ao público de locais de discotecas e bares de lecer nocturno sempre que non se supere un terzo do seu aforo e se cumpran as condicións previstas na Orde. En todo caso, poderá procederse á apertura ao público das terrazas ao aire libre destes establecementos nas mesmas condicións e cos mesmos requisitos previstos para os locais de restauración e hostalería. Cando existise no local un espazo destinado a pista de baile ou similar, o mesmo poderá ser utilizado para instalar mesas ou agrupacións de mesas, non podendo dedicarse este espazo ao seu uso habitual.

Bibliotecas
As bibliotecas, poderán prestar os servizos establecidos na Orde SND/399/2020, do 9 de maio (FASE 1), na Orde SND/414/2020, do 16 de maio (FASE 2), e os expresamente previstos para esta fase que son:

-Poderán realizarse actividades culturais nas bibliotecas, sempre que non se supere o cincuenta por cento do aforo autorizado. En todo caso, deberá manterse unha distancia de seguridade interpersoal de dous metros entre os asistentes.

-Poderá permitirse o estudo en sala, sempre que se dean as condicións necesarias segundo a dirección da biblioteca, e non se supere o cincuenta por cento do aforo autorizado. Igualmente, deberá manterse a distancia de seguridade interpersoal prevista no apartado anterior.

Para os servizos permitidos na FASE 1 e FASE 2, o aforo máximo permitido ata o cincuenta por cento. Serán de aplicación as medidas de hixiene, prevención e de información previstas nos artigos 24 e 25 da Orde SND/399/2020, do 9 de maio.

Deporte
Instalacións deportivas ao aire libre:
Nas instalacións deportivas ao aire libre poderase realizar actividade deportiva en grupos de ata vinte persoas, sen contacto físico, e sempre que non se supere o cincuenta por cento do aforo máximo permitido.

Instalacións deportivas cubertas:
Nas instalacións deportivas pechadas, os clubs poderán realizar actividade deportiva en grupos de ata vinte persoas, sen contacto físico e sempre que non se supere o cincuenta por cento do aforo máximo permitido.

A actividade deportiva requirirá a concertación de cita previa coa entidade co Concello de Ames. Para iso, organizaranse quendas horarias, fóra dos cales non se poderá permanecer na instalación. Sempre que sexa posible, durante a práctica da actividade deportiva á que se refire a Orde deberá manterse unha distancia de seguridade de dous metros.

Mercadillos
Poderán proceder á súa apertura os “mercadillos”, dando preferencia a aqueles de produtos alimentarios e de primeira necesidade e procurando que sobre os produtos comercializados nos mesmos se garanta a súa non manipulación por parte dos consumidores. Garantirase a limitación á metade dos postos habituais ou autorizados, limitando a afluencia de clientes de maneira que se asegure o mantemento da distancia social de dous metros.

Medidas de hixiene e distanciamento social
O Concello de Ames lembra que é importante continuar coas medidas de hixiene e distanciamento social, procedendo a un habitual lavado de mans e mantendo a distancia social para evitar o risco de contaxios. Asemade lémbrase, con carácter xeral, o uso obrigatorio de máscaras en persoas de seis anos en diante na vía pública, en espazos ao aire libre e en calquera espazo pechado de uso público ou que se atope aberto ao público, sempre que non sexa posible manter unha distancia de seguridade interpersoal de polo menos dous metros, sendo recomendable o seu uso para a poboación infantil de entre tres e cinco anos.

Cartel sobre as principais medidas a ter en conta na fase 3

Multimedia

  • Cartel sobre as principais medidas a ter en conta na fase 3