Pestanas principais

Principais medidas a ter en conta na fase 2 da desescalada que comezará a partir deste próximo luns 25 de maio de 2020

Sábado, 23 de maio de 2020

O Concello de Ames informa que este sábado, 23 de maio de 2020, publicouse no Boletín Oficial do Estado a Orde SND/414/2020, de 16 de maio, para a flexibilización de determinadas restricións de ámbito nacional establecidas trala declaración do estado de alarma en aplicación da fase 2 do Plan para a transición cara unha nova normalidade. Cómpre lembrar que o concello de Ames, ao igual que o resto de concellos galegos, entra este luns, 25 de maio de 2020, na fase 2, polo que se establecen novas condicións no proceso de desescalada. Dende o Concello de Ames apélase á responsabilidade dos veciños e veciñas no cumprimento das normas polo ben común e evitar así un posible retroceso no control da pandemia.

O Goberno do Estado publicou no Boletín Oficial do Estado, este sábado 23 de maio, a Orde SND/414/2020 para a flexibilización de determinadas restricións de ámbito nacional, establecidas tras a declaración do estado de alarma, en aplicación da fase 2 do Plan para a transición cara unha nova normalidade. Deste xeito, establécense varias condicións que haberá que ter en conta a partir deste luns 25 de maio. Preme aquí para coñecer as principais medidas a ter en conta na fase 2 da desescalada que comezará a partir do día 25 de maio de 2020. Tamén podes consultar a guía da fase 2 do Plan para a transición cara unha nova normalidade.

Liberdade de circulación e grupos de persoas
Poderase circular pola provincia, sen prexuízo das excepcións que xustifiquen o desprazamento a outra parte do territorio nacional por motivos sanitarios, laborais, profesionais ou empresariais, de retorno ao lugar de residencia familiar, asistencia e coidado de maiores, dependentes ou persoas con discapacidade, causa de forza maior ou situación de necesidade ou calquera outra de análoga natureza.

As persoas de ata 70 anos poderán realizar a actividade física non profesional prevista, en calquera franxa horaria fóra da comprendida entre as 10:00 horas e as 12:00 horas e entre as 19:00 horas e as 20:00 horas, que queda reservada aos maiores de 70 anos e ás persoas vulnerables.

Os grupos serán dun máximo de quince persoas, excepto no caso de persoas que convivan xuntas.

Lugares de culto, velorios e enterros
Lugares de culto: Non poderá superar  o cincuenta por cento do seu aforo. O aforo máximo deberá publicarse en lugar visible do espazo destinado ao culto. Deberanse cumprir as medidas xerais de seguridade e hixiene establecidas polas autoridades sanitarias.

Velorios:  Poderán realizarse en todo tipo de instalacións, públicas ou privadas, cun límite máximo, en cada momento, de vinte e cinco persoas en espazos ao aire libre ou quince persoas en espazos cerrados, sexan ou non convivintes.

Enterros: Restrínxese a un máximo de vinte e cinco persoas, entre familiares e achegados, ademais de, no seu caso, o ministro de culto ou persoa asimilada da confesión respectiva para a práctica dos ritos funerarios de despedida do defunto.

Establecementos e locais comerciais minoristas
Poderá procederse á reapertura ao público de todos os establecementos e locais comerciais minoristas e de actividades de servizos profesionais cuxa actividade se suspendeu tras a declaración do estado de alarma, con independencia da súa superficie útil de exposición e venda, sempre que cumpran todos os requisitos seguintes:

-Que se reduza ao corenta por cento o aforo total nos establecementos e locais comerciais. No caso de establecementos ou locais distribuídos en varias plantas, a presenza de clientes en cada unha delas deberá gardar esta mesma proporción. En calquera caso, deberase garantir unha distancia mínima de dous metros entre clientes. Nos locais nos que non sexa posible manter dita distancia, permitirase unicamente a permanencia dentro do local dun cliente.

-Que se estableza un horario de atención con servizo prioritario para maiores de 65 anos.

-Que cumpran adicionalmente coas medidas que se recollen nesta Orde.

Hostalaría
Poderá procederse á reapertura ao público dos establecementos de hostalería e restauración para consumo no local, salvo os locais de discotecas e bares de lecer nocturno, sempre que non se supere un corenta por cento do seu aforo e  se cumpran as condicións previstas nos apartados seguintes.

O consumo dentro do local unicamente poderá realizarse sentado en mesa, ou agrupacións de mesas, e preferentemente mediante reserva previa. En ningún caso se admitira o autoservizo en barra por parte do cliente. Así mesmo, estará permitido o encargo no propio establecemento de comida e bebida para levar.

Poderase ofrecer produtos de libre servizo, xa sexan frescos ou elaborados con anticipación, para libre disposición dos clientes sempre que sexa asistido con pantalla de protección, a través de empratados individuais e/ou monodosis debidamente preservadas do contacto co ambiente.

A prestación do servizo nas terrazas ao aire libre dos establecementos de hostalería e restauración realizarase conforme ao previsto na Orde SND/399/2020, do 9 de maio, e dicir ata un máximo do 50 % aforo. Lembramos que o Concello de Ames ten publicado un Bando ao respecto.

Deberá asegurarse o mantemento da debida distancia física de dous metros entre as mesas ou, no seu caso, agrupacións de mesas. A mesa ou agrupación de mesas que se utilicen para este fin, deberán ser acordes ao número de persoas, permitindo que se respecten a distancia mínima de seguridade interpersoal.

Bibliotecas
A Biblioteca do Milladoiro abrirá de luns a venres, de 10:00  a 14:00 horas, e os martes de 16:00 a 20:00 horas.

A Biblioteca de Bertamiráns vaino facer de luns a venres de10:00 a 14:00 horas e os xoves de 16:00 a 20:00 horas

Nestas primeiras semanas de reapertura non haberá o servizo de préstamo domiciliario, que se manterá pechado ata o 1 de xuño. Tampouco se contempla o  acceso a coleccións e consultas en sala e, as salas de lectura, prensa e estudo, tamén permanecerán pechadas.

Non se poderán levar a cabo actividades culturais, actividades de estudo en sala ou de préstamo interbibliotecario, así como calquera outro servizo destinado ao público distinto destes. Así mesmo, non se poderá facer uso dos computadores e medios informáticos das bibliotecas destinados para o uso público da cidadanía, así como de catálogos de acceso público en liña ou catálogos en fichas da biblioteca.

Si se reanuda o servizo de devolución de obras, que se pode realizar nos novos horarios de atención ao público.

Deporte
Instalacións ao aire libre:
Procederase á apertura das instalacións deportivas ao aire libre para a realización de práctica deportiva individual ou aquelas prácticas que se poidan desenvolver por un máximo de dúas persoas no caso de modalidades así practicadas, sempre sen contacto físico mantendo as debidas medidas de seguridade e protección, e en todo caso a distancia social de seguridade de dous metros.

Poderán acceder ás mesmas calquera cidadán que desexe realizar unha práctica deportiva, incluídos os deportistas de alto nivel, de alto rendemento, profesionais, federados, árbitros ou xuíces e persoal técnico federativo.

A actividade deportiva requirirá a concertación de cita previa co Concello de Ames. Para iso, organizaranse quendas horarias, fóra das cales non se poderá permanecer na instalación.

Unicamente poderá acceder cos deportistas un adestrador no caso de que resulte necesario, circunstancia que deberá acreditarse debidamente, con excepción das persoas con discapacidade ou menores que requiran a presenza dun acompañante.

As instalacións  adicadas a deporte individual ou que poden ser practicadas por un máximo de dúas persoas e se abriran a partir do día 25 de maio son:

- Pista de pádel de Aldea Nova (pádel)
- Pistas de tenis de Aldea Nova (tenis)
- Centro de lanzamento de atletismo – campo de fútbol de Biduído (soamente para clubs de atletismo).

Instalacións deportivas cubertas:
Procederase á apertura das instalacións deportivas cubertas para a realización de actividades deportivas a clubs deportivos e tamén para os deportistas de alto nivel, de alto rendemento, profesionais, federados, árbitros ou xuíces e persoal técnico federativo.

A actividade deportiva requirirá a concertación de cita previa co Concello de Ames. Para iso, organizaranse quendas horarias, fóra dos cales non se poderá permanecer na instalación.

Permitirase a práctica deportiva individual ou aquelas prácticas que se poidan desenvolver por un máximo de dúas persoas no caso de modalidades así practicadas, sempre sen contacto físico mantendo as debidas medidas de seguridade e protección, e en todo caso a distancia social de seguridade de dous metros.

Unicamente poderá acceder cos deportistas un adestrador no caso de que resulte necesario, circunstancia que deberá acreditarse debidamente. Exceptúanse as persoas con discapacidade ou menores que requiran a presenza dun acompañante.

Información para o uso de instalacións deportivas (ao aire libre e cubertas)  e solicitude de cita previa para as mesmas:

Solicitude de cita previa:              
- Teléfono: 619842504 (de luns a venres das 9.00 ás 14.00 horas).
- E-mail: deportes@concellodeames.gal.
*Antelación mínima 24 horas antes do uso.
   
Horario de apertura das instalacións: Dende as 8.00 ata as 22.00 horas.             

-PERSOAS DE ATA 70 ANOS: Entre as 8.00 h e as 10.00 h, entre as 12.00 h e as 19.00 h e entre as 20.00 h e as 22.00 horas.

-PERSOAS MAIORES DE 70 ANOS: Entre as 10.00 h e as 12.00 h e entre as 19.00 h e as 20.00 horas.

Hoteis e establecemento turísticos
Poderá procederse á reapertura ao público das zonas comúns dos hoteis e aloxamentos turísticos que suspendesen a súa apertura ao público, sempre que non se supere un terzo do seu aforo.

Turismo activo e natureza
Poderanse realizar actividades de turismo activo e de natureza para grupos dun máximo de ata vinte persoas, por empresas rexistradas como empresas de turismo activo na correspondente administración competente. Estas actividades concertaranse, preferentemente, mediante cita previa.

Mercadillos
Poderán proceder á súa reapertura os “mercadillos”, dando preferencia a aqueles de produtos alimentarios e de primeira necesidade e procurando que sobre os produtos comercializados nos mesmos se garanta a súa non manipulación por parte dos consumidores.

En todo caso, garantirase unha limitación dun terzo dos postos habituais ou autorizados, e a afluencia de clientes, de maneira que se asegure o mantemento da distancia social de dous metros.

Cartel coas principais medidas a ter en conta na fase 2 da desescalada

Multimedia

  • Cartel coas principais medidas a ter en conta na fase 2 da desescalada