Pestanas principais

Primeira sesión do obradoiro infantil “Eu guísoo, eu cómoo, naturalmente!” este sábado

Mércores, 26 de outubro de 2016

[26-10-2016] Este sábado 29 de outubro a Aula da Natureza acolle a primeira sesión do obradoiro “Eu guísoo, eu cómoo, naturalmente!”. Está dirixido a nenos e nenas de 6 a 12 anos, que aprenderán a distinguir alimentos- hortalizas, froitas, peixes, carnes- de tempada e locais, así como receitas sinxelas para preparalos. O custo desta actividade, que se celebrará mensualmente, é gratuíto e un autobús desprazará ao grupo até a propia Aula. Para reservar unha das 20 prazas as familias poden chamar ao teléfono 660004665 ou escribir un correo ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal.

A partir deste sábado as nenas e nenos de Ames de entre 6 e 12 anos poden participar no obradoiro mensual “Eu guísoo, eu cómoo, naturalmente!”. A actividade vaise desenvolver nas instalacións da Aula da Natureza, equipada cunha cociña e situada na parroquia de Ameixenda. Un autobús recollerá aos rapaces e rapazas participantes no Milladoiro e en Bertamiráns, levaraos até alí e traeraos de volta. As aulas estarán ao cargo da técnico municipal de Medio Ambiente Patricia Reboreda. Nelas “aprenderán a diferenciar a orixe dos alimentos”, distinguido aqueles de tempada e locais doutros importados.

En cada sesión “falaremos de tres ou catro tipos de froitas e hortalizas, dous tipos de peixes ou mariscos e un tipo de carne”. Sabendo que novembro non é o momento de apañar melocotóns, por exemplo, o grupo comprenderá que se os mercan no supermercado ou nunha tenda non poderán ter sido cultivados en Galicia. Isto servirá como base para explicar, de xeito sinxelo, “o custo medioambiental do transporte dos alimentos”. Ademais, tamén de forma adaptada á idade dos e das participantes, explicaranse os beneficios dos alimentos para a saúde. Con algúns destes produtos nenas e nenos aprenderán a preparar sinxelas receitas, que levarán á casa para que as proben as súas familias. “Non teñen que traer nada máis que un tupper pequeno”, explica a responsable da actividade.

O autobús pasará, este sábado, primeiro polo Milladoiro ás 16:30 horas e despois por Bertamiráns ás 16:45 horas. A actividade ten unha comezará ás 16:30 e rematará ás 19:30 horas. A vindeira sesión deste obradoiro organizarase o sábado 19 de novembro. As familias poden apuntar os seus fillos ou fillas para participar nunha sola das aulas ou apuntalos en varias das sesións. “A idea é continuar con isto durante o curso, e mesmo levalos algún día facer a compra , para que comproben a procedencia dos alimentos que se venden en tendas ou supermercados”, sinala a técnico municipal de Medio Ambiente. Para a inscribirse ou solicitar máis información pódese chamar ao teléfono 660004665 ou enviar un correo electrónico a auladanatureza@concellodeames.gal. Na actividade deste sábado xa hai inscritos 14 nenos e nenas.