Pestanas principais

Primeira reunión do grupo de goberno de Ames

Martes, 14 de xuño de 2011

[14-06-2011] O novo goberno amiense tivo a súa primeira reunión este luns, ás oito da mañá, no despacho de alcaldía que ocupará a partir de agora o popular Santiago Amor. O alcalde e os dez concelleiros recibiron de man da secretaria do concello a documentación correspondente ao traspaso de poderes, catro carpetas sen contido e con escasa e deficiente información que non serve para tomar ningún tipo de decisión. Aínda sendo insuficiente a información, as áreas de Cultura e de Persoal, Reforma administrativa e Calidade na administración son as únicas das que se pode sacar material relevante. A secretaria tamén entregou dous pendrives que aínda non examinou o novo goberno.

Nesta primeira toma de contacto Santiago Amor puido comprobar como os estantes do gabinete de alcaldía e do seu despacho estaban absolutamente baleiros de calquera documentación, pois o anterior goberno, o presidido por Carlos Fernández retirou durante as últimas semanas caixas cheas de carpetas, xornais e demais papeis.

Santiago Amor e o seu equipo de goberno estiveron falando do reparto de áreas que quedará definido nos vindeiros días.

O alcalde de Ames, Santiago Amor, e os dez concelleiros iniciaron o contacto coas dependencias municipais para presentarse aos traballadores do concello. Ademais, o rexedor municipal aproveitou esta ocasión para presentar ao novo equipo de goberno, que continuará no resto de dependencias nos próximos días.

Santiago Amor cualifica o traspaso de poderes como "unha última manobra do autoritarismo de Carlos Fernández" e espera que "no resto dos concellos as carpetas tiveran contido".

A partir de hoxe Amor e o seu equipo deseñarán as novas funcións de goberno que se darán a coñecer durante os próximos días.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "El gobierno amiense critica la información que dejó Carlos Fernández"
El Correo Gallego: "Amor llega al poder... con carpetas y parque limpios"