[07-10-2012] Un total de 30 parellas inscribíronse para participar na primeira proba do Circuíto de Pádel Solidario en beneficio das persoas con parálise cerebral que se celebrará desde hoxe en Ames. Esta proba deportiva solidaria está organizada por Aspace-Galicia (Federación Galega de Parálise Cerebral) e Let Pádel Ames en colaboración co Concello de Ames.
Con cada inscrición, os participantes recibiron un polo conmemorativo e un bono spa para dúas persoas. O torneo, non federado, conta con catro categorías: masculina (1ª,2ª e 3ª), feminina (1ª e 2ª), mixta (1ª e 2ª) e empresas. Os gañadores recibirán un trofeo e haberá un obsequio para todos os finalistas. Tras o inicio desta proba, durante a próxima semana celebraranse os cadros eliminatorios e na próxima fin de semana, os finais.
Ao inicio da proba asistiron o alcalde de Ames, Santiago Amor; o concelleiro de Deportes, Manuel Ferreiro; o xerente de Let Pádel Ames, Miguel Martínez de Orense, e a xerente de Aspace-Galicia, Ana Prieto. Esta mañá procedeuse ao sorteo dos encontros que se celebrarán ao longo dos vindeiros días e tivo lugar o partido inaugural.
A primeira proba do Circuíto de Pádel Solidario pola parálise cerebral disputarase en Let Pádel Ames (Bugallido) ata o vindeiro domingo 14 de outubro. O obxectivo é recadar fondos para o financiamento de programas e servizos especializados para a mellora da calidade de vida do colectivo de persoas con discapacidade cerebral de Galicia. Este torneo xa se celebrou con grande éxito en Nigrán e levarase a cabo proximamente en A Coruña, Pontevedra e Vigo.




