[23-04-2018] O campo de fútbol do Milladoiro acolleu esta fin de semana a primeira proba de Agility celebrada no concello de Ames, que é puntuable para o campionato de España. Organizada polo club canino Amizar Agility, a proba contou con 74 participantes que se disputaron os primeiros postos da competición. A proba, que contou coa colaboración do propio Concello, da S.D. Milladoiro, da empresa Arion e da clínica veterinaria Media Lúa, tivo como xuíz ao portugués Jorge Pires.
O club canino Amizar Agility foi o responsable de organizar, en colaboración co Concello de Ames, a S.D. Milladoiro, a empresa Arion e a clínica veterinaria Media Lúa, unha proba dobre puntuable para o campionato de España 2019 da Real Sociedade Canina de España. A proba, que se celebrou no campo de fútbol do Milladoiro, contou con 74 participantes, 44 o sábado e 30 o domingo.
O sábado, 21 de abril, o gañador no Grao 1 foi Julio Boquete, de Amizar Agility, tanto na categoría Mini-Midi como na categoría Estándar. Na primeira participou coa cadeliña Mimí, mentres que na segunda fíxoo con Tita. No Grao 2, na categoría Mini-Midi, acadou a primeira posición Antonio Pereiro, membro tamén de Amizar Agility, co seu can Blass. Na categoría Estándar, a gañadora foi Beatriz Roa con Candela, do club de agility asturiano Xanastur. No Grao 3, de máximo nivel, José Manuel Monteiro e Chispa, de Agility Coruña, conseguiron o primeiro posto na categoría Mini-Midi. Manuel Santomé e Eo, do club de agility de Moaña Tercáns, resultaron gañadores na categoría Estándar.
O domingo, 22 de abril, Julio Boquete volveu repetir como gañador da categoría Mini-Midi, Grao 1, con Mimí. Na categoría Estándar, este día o gañador foi Julio Freire con Alec, do club de agility de Redondela Patas. No Grao 2, os gañadores foron Antonio Pereiro e Blass, na categoría Mini-Midi, e Alejandro Lamas e Lummy, de Xanastur, na categoría Estándar. Por último, no Grao 3, na categoría Mini-Midi, a primeira posición foi acadada por José Manuel Monteiro con Chispa, de Agility Coruña. O gañador da categoría Estándar foi, pola súa banda, Juan Carlos Vázquez con Ringo de Xanastur. A proba, que se rexeu pola normativa R.S.C.E., contou co xuíz portugués Jorge Pires.
Graos, categorías e probas
As tres categorías existentes nas probas de Agility establécense en función do tamaño dos cans. Desta maneira, a categoría Mini inclúe aqueles animais cuxo salto non supera os 30 centímetros, mentres que a categoría Midi engloba aqueles outros cuxo chimpo acada alturas de 40/50 centímetros. A terceira das categorías, denominada categoría Estándar, inclúe cans de maior tamaño que conseguen realizar saltos de ata 60 centímetros.
Cada categoría inclúe, asemade, diferentes graos. O primeiro grao equivalería a un nivel de iniciación, entanto que o segundo sería un nivel intermedio. O terceiro dos graos é o máis elevado na competición, ao presentar maiores esixencias cos animais e pistas de maior dificultade.
De igual maneira, cada grao conta con dúas probas diferenciadas: o jumping e o agility. O jumping está conformado por circuítos nos que as zonas de contacto non están presentes, polo que neles os animais alcanzan velocidades superiores. O agility, polo seu lado, si que presenta zonas de contacto, as cales deben ser tocadas polos cans no desenvolvemento da proba.








