Pestanas principais

Primeira obra de teatro infantil do ano con “Ás para Álex”, este xoves 10 en Bertamiráns

Luns, 07 de febreiro de 2022

O espectáculo de teatro e monicreques de Baobab Teatro, “Ás para Álex”, abrirá este próximo xoves 10 de febreiro a programación infantil de artes escénicas de Ames do primeiro semestre de 2022. A obra conta a historia de amizade de Álex, un neno de 8 anos con cancro ao que lle encanta o fútbol. Orientada á cativada a partir dos 5 anos, a representación terá lugar ás 18:00 horas, no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. As entradas xa poden adquirirse na Billeteira electrónica do Concello de Ames.

“Ás para Álex” é unha peza comprometida, mais divertida e cargada de tenrura. A través deste espectáculo, a compañía Baobab Teatro busca mostrar o xogo e a esperanza como activos esenciais para superar calquera tipo de dificultade, así como destacar o papel das persoas que son quen de facernos ver as cousas doutro xeito.

Álex é un rapaz de 8 anos que ten como paixón o fútbol, pero que de súpeto deixa de poder camiñar. O non poder xogar coas súas amizades suponlle unha gran rabia e impotencia, aínda que grazas a estas circunstancias coñecerá a Laura, unha nova amiga que cambiará a súa perspectiva do mundo e do seu futuro, e que lle convidará a soñar.

A historia desta obra está baseada nunha historia real, extraída dun recorte de prensa dun xornal coruñés sobre un neno que estivo ingresado no Hospital Materno infantil Teresa Herrera. Para desenvolver o guión e o proxecto, a compañía realizou entrevistas con asociacións e diversos profesionais que tratan con casos de cancro infantil habitualmente, co fin de coñecer en profundidade a temática e tratala coa debida precisión e delicadeza.

Neste senso, unha porcentaxe da recadación e dos ingresos deste espectáculo estarán destinados a diferentes asociacións que traballan en prol da investigación contra o cancro.

O programa completo de cultura de Ames do primeiro semestre de 2022, elaborado pola Concellaría de Cultura en conxunto coa Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC), pode consultarse ao completo premendo nesta ligazón.

Venda de entradas e descontos

As entradas poden adquirirse por 4 euros a través da billeteira electrónica do Concello de Ames, ou ben unha hora antes do comezo do espectáculo na Casa da Cultura de Bertamiráns, no caso de que aínda estean dispoñibles. Haberá prezo reducido do 50% do custo ordinario para o estudantado con carné de estudante, as persoas maiores de 60 anos, a rapazada menor de 12 anos, as familias numerosas, a mocidade co carné xove e as persoas demandantes de emprego.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Teatro infantil o xoves con compromiso: ‘Ás para Álex’"

Primeira obra de teatro infantil do ano con “Ás para Álex”, este xoves 10 en Bertamiráns

Multimedia

  • Primeira obra de teatro infantil do ano con “Ás para Álex”, este xoves 10 en Bertamiráns
  • Primeira obra de teatro infantil do ano con “Ás para Álex”, este xoves 10 en Bertamiráns
  • Primeira obra de teatro infantil do ano con “Ás para Álex”, este xoves 10 en Bertamiráns