Pestanas principais

A primeira edición do festival de verán Encontros Culturais no Pazo remata cun gran concerto a cargo do grupo Pesdelán

Sábado, 13 de xullo de 2013

[13-07-2013] A praza central do Pazo da Peregrina, situado en Bertamiráns, acolleu este venres pola tarde-noite un obradoiro e un concerto a cargo do grupo Pesdelán. Este evento enmárcase dentro do festival Encontros Culturais no Pazo, que de desenvolveu os venres 5 e 12 de xullo. A través deste evento pretendeuse impulsar e dinamizar a cultura galega, dar a coñecer o patrimonio amiense enchendo de contido o Pazo da Peregrina, apostar pola música emerxente galega e potenciar o papel activo da cidadanía nas actividades culturais. O festival estivo organizado polo Concello de Ames e contou coa colaboración da Deputación da Coruña e da Rede de Dinamización Lingüística. A este concerto asistiron o alcalde de Ames, Santiago Amor, a concelleira de Cultura, María Eugenia Martín, o concelleiro de Educación, Bernardo Moar, así como edís da corporación municipal.

O festival de verán 'Encontros Culturais no Pazo' rematou este venres, 12 de xullo, cun gran concerto da man do grupo Pesdelán, que está formado por sete membros. Este grupo ofreceu unha actuación que levou por título 'Na punta do pé'. Durante hora e media o grupo Pesdelán interpretou un repertorio moi animado que fixo cantar e bailar a un gran número de nenos/as e adultos que se achegaron ata o Pazo da Peregrina para ver este concerto.
 
O grupo Pesdelán interactuou en todo momento co público explicándolle as coreografías das súas cancións e animándoos a bailar. Cómpre destacar que a este concerto acudiu un público moi familiar. Os nenos e nenas acompañados dos seus pais/nais e familiares gozaron bailando e cantando ao ritmo da animada música deste grupo galego. O tema central desta xornada foi o baile. Antes do concerto, ás 20:00 horas, o grupo Pesdelán ofreceu na praza central do Pazo da Peregrina un obradoiro de danza ao que asistiron moitos nenos/as acompañados dos seus pais e nais.

O grupo Pesdelán naceu da unión de músicos, bailadores e mestres de coñecidas formacións musicais de Galicia e Portugal (Berrogüeto, Leilía, Susana Seivane Grupo, etc). O seu repertorio abrangue temas tradicionais galegos arranxados de xeito orixinal e divertido. Mediante a música en vivo e o ensino de bailes e xogos sinxelos, pretende recuperar o espírito participativo das festas. O seu obxectivo é substituír o concepto de público espectador polo de público participante.

A concelleira de Cultura, María Eugenia Martín, destacou que o festival de verán “naceu con moita ilusión, con vontade de continuidade e con vocación de converterse nunha cita ineludible dentro do panorama cultural galego”. A concelleira subliñou, ademais, os obxectivos cos que naceu este festival: “impulsar e dinamizar a nosa cultura, dar a coñecer o noso patrimonio enchendo de contido o Pazo da Peregrina, apostar pola música emerxente galega e potenciar o papel activo da cidadanía nas actividades culturais”.

Actuacións de Roi Casal e Peter Punk
O programa do festival de verán 'Encontros Culturais no Pazo' xa comezou o venres pasado. A xornada festiva comezou ás 20:00 horas coa actuación de Peter Punk, que ofreceu aos preto de cen nenos e nenas que se achegaron ata os exteriores do Pazo da Peregrina un espectáculo no que combinou técnicas circenses e moito humor.

Dúas horas despois, ás 22:00 horas, foi a quenda do artista galego Roi Casal, que subiu ao escenario situado nos xardíns do Pazo para presentar xunto coa súa banda os temas do seu último traballo, titulado 'Maxicamente vello' e co que xa realizou unha xira de máis de 50 concertos. Roi Casal e a súa banda, que ten como vocalista a Silvia Ferre, fixeron bailar ao público e animaron a festa interpretando diversos temas da súa discografía. O concerto contou cunha sorpresa: a participación de Nando Casal, pai de Roi e compoñente do grupo Milladoiro.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "Os amienses interactuaron con Pesdelán no peche do festival"
El Correo Gallego: "O festival de verán Encontros Culturais no Pazo remata cun gran concerto a cargo de Pesdelán"