Pestanas principais

A primeira edición do festival de verán Encontros Culturais no Pazo comeza cunha gran festa da man de Roi Casal e da súa banda

Sábado, 06 de xullo de 2013

[06-07-2013] Os exteriores do Pazo da Peregrina de Bertamiráns acolleron onte pola noite as primeiras actuacións enmarcadas no novo festival de verán organizado polo Concello de Ames e que leva por nome Encontros Culturais no Pazo. O inicio deste certame estivo marcado pola festa, que encheu os xardíns do Pazo grazas á música do artista galego Roi Casal e da súa banda. Familias, xente nova, nenos e maiores gozaron dos temas do último traballo de Roi Casal, que leva por título ‘Maxicamente vello’, e doutros temas da súa discografía. Ao festival asistiron a concelleira de Cultura, María Eugenia Martín, e o concelleiro de Educación, Bernardo Moar, así como varios membros da Corporación.


Obradoiro e concerto a cargo de Pesdelán

O festival de verán 'Encontros Culturais no Pazo' continuará a próxima semana, o venres 12 de xullo. Nesta ocasión, o tema central da xornada será o baile, que chegará da man do grupo Pesdelán. Ás 20:00 horas, os sete membros que compoñen Pesdelán ofrecerán no Pazo da Peregrina de Bertamiráns un obradoiro de danza ao que poden asistir todas as persoas interesadas. Seguidamente, ás 22:00 horas, presentarán unha actuación que leva por título 'Na punta do pé'.

O grupo Pesdelán nace da unión de músicos, bailadores e mestres de coñecidas formacións musicais de Galicia e Portugal (Berrogüeto, Leilía, Susana Seivane Grupo, etc). O seu repertorio abrangue temas tradicionais galegos arranxados de xeito orixinal e divertido. Mediante a música en vivo e o ensino de bailes e xogos sinxelos, pretende recuperar o espírito participativo das festas. O seu obxectivo é substituír o concepto de público espectador polo de público participante.

Roi Casal é músico, compositor e cantante galego que toca a arpa céltica, a zanfona e o bouzouki. Formado co mestre Rodrigo Romaní e no Conservatorio Superior de Música de Madrid, entrou a formar parte do grupo Milladoiro no ano 2000. Tras case unha década no grupo, no 2009 inicia a súa carreira en solitario coa publicación de 'Lendas douradas', disco galego máis vendido dese ano. En febreiro de 2011 publicou o seu segundo traballo, 'Maxicamente vello', no que de novo realiza unha interpretación da música galega desde unha visión contemporánea.


Este festival está organizado polo Concello de Ames e conta coa colaboración da Deputación da Coruña e da Rede de Dinamización Lingüística da Xunta. A xornada festiva comezou ás 20:00 horas coa actuación de Peter Punk, que ofreceu aos preto de cen nenos e nenas que se achegaron ata os exteriores do Pazo da Peregrina un espectáculo no que combinou técnicas circenses e moito humor.

Dúas horas despois foi a quenda do artista galego Roi Casal, que subiu ao escenario situado nos xardíns do Pazo para presentar xunto coa súa banda os temas do seu último traballo, titulado 'Maxicamente vello' e co que xa realizou unha xira de máis de 50 concertos. Roi Casal e a súa banda, que ten como vocalista a Silvia Ferre, fixeron bailar ao público e animaron a festa interpretando diversos temas da súa discografía. O concerto contou cunha sorpresa: a participación de Nando Casal, pai de Roi e compoñente do grupo Milladoiro.