Pestanas principais

A primeira edición do autocine “Ames Drive Cinema” estreouse co aforo completo nas seis sesións

Luns, 23 de novembro de 2020

A primeira edición de autocine que se organizou no concello de Ames, “Ames Drive Cinema”, foi todo un éxito. A atractiva programación, con ofertas para un público infantil e adulto, fixo que 531 vehículos, unhas 1.200 persoas, se achegaran ata o aparcadoiro da Telleira, en Bertamiráns, para ver os seis filmes proxectados. Esta actividade está enmarcada nas actividades Ames corta co machismo, con motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero en Ames, que se conmemora este mércores 25 de novembro.

Nesta época caracterizada polas restricións para combater a expansión da Covid-19, esta iniciativa do autocine adáptase as medidas sanitarias pertinentes. Sen esquecer os protocolos de seguridade, “Ames Drive Cinema” fixo que as 90 prazas para vehículos de persoas conviventes de cada unhas das seis películas, se cubrisen. Deste xeito, 531 vehículos, unhas 1.200 persoas, achegáronse ata o aparcadoiro da Telleira, en Bertamiráns, para ver os seis filmes proxectados.

Os usuarios/as puideron ver o venres, 20 de novembro, as películas "O que arde" de Oliver Laxe, en sesión de tarde, e "Bohemian Rapsody", a historia do grupo Queen e do seu cantante Fredery Mercury, en sesión de noite. O sábado, 21, na sesión infantil proxectouse “Brave" e posteriormente para o público adulto o filme "Los hombres que no amaban a las mujeres". Con “Maléfica” e “Mientras dure la guerra” despediuse este evento o domingo.

A concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, explica que “se cumpriu coas súas expectativas que pretendían conseguir unha posta en escena espectacular. Tratouse dunha proposta de ocio familiar seguro e para reflexionar. Non se trataba só de proxectar unha película, senón de vivir toda unha experiencia. E así foi, cunha entrada propia dos autocines americanos dos anos 50 e 60, os/as usuarios/as, unha vez que mostraban as súas entradas, eran guiados ata o seu aparcadoiro, onde podían ver a película, previamente escollida no portal web habilitado, a través dunha grande pantalla e escoitala na radio do seu vehículo, a través dunha frecuencia que lle foi indicada no momento de entrar ao aparcadoiro”.

A Policía Local e maila Agrupación de Protección Civil do Concello de Ames, foron os encargados de coordinar o dispositivo de seguridade, para controlar a entrada e saída dos vehículos, e que esta se fixera dun xeito organizado.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Abarrote en un autocine de Ames con 1.200 asistentes y perspectiva de género"

Compostela 24horas:  "A primeira edición do autocine “Ames Drive Cinema” estreouse co aforo completo nas seis sesións"

 

Autocine.

Multimedia

  • Autocine.
  • Autocine.
  • Autocine.
  • Autocine.
  • Autocine.