[10-04-2017] O libro “Este circo é un desastre” de Miguel Angel Villar Porto serve como base para as actividades da presente edición da Primavera Lúdica. 100 rapaces participan deste programa de conciliación da vida laboral e familiar co que o Concello de Ames pretende axudar ás familias nestes días nos que non hai clase nos centros escolares. As actividades desenvólvense en Bertamiráns e no Milladoiro, asistindo 50 nenos e nenas en cada unha das localidades. 54 rapaces e rapazas utilizan o servizo de comedor e 15 o de almorzo que ofrece o programa.
Os personaxes de “Este circo é un desastre” teñen un mal día e acumulan tropezos e equivocacións. Porén ao final todo sae ben. A idea de que aínda que nun principio nada saia de cara, todo pode demudar nun grande éxito e que polo tanto nunca se debe perder a esperanza é a liña argumental sobre a que este ano traballa a Primavera Lúdica.
Haberá música, contacontos, actividades, manualidades e moitos xogos de exterior sempre que o tempo o permita. O máis importante: a transmisión de valores nun ambiente lúdico e divertido.




