Pestanas principais

A primavera chega a Ames cunha variada programación cultural

Martes, 22 de marzo de 2011

[22-03-2011] A veciñanza amiense ten a súa disposición unha ampla e variada oferta cultural para os meses de primavera. Entre abril e xuño poderán visitar exposicións sobre múltiples temas, asistir a diversas obras de teatro ou tomar parte en competicións deportivas. Tamén haberá tempo para o deporte de aventura ou para coñecer outros lugares de Galicia como as Illas Cíes ou a Ribeira Sacra. A través desta ampla programación o Concello oferta máis de 50 actividades para persoas de todas as idades. Queda claro que Ames é un lugar eminentemente activo en materia cultural.

O Concello de Ames ofertará ao longo da primavera unha rica oferta cultural con actividades orientadas a todos os públicos e moi variadas. A veciñanza amiense poderá asistir a obras de teatro, obradoiros variados, actividades co gallo do Día das Letras Galegas ou do Día do Libro, competicións deportivas ou saídas a outras localidades de Galicia de grande riqueza paisaxística ou patrimonial.

A programación arrinca con dúas exposicións nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro. Entre o día 25 de marzo e o 13 de abril poderá visitarse no Milladoiro a exposición do IV Premio de Banda Deseñada Castelao. Entre o 1 e o 10 de abril os amienses poderán admirar unha exposición de campañas normalizadoras realizada polos alumnos de 6º de primaria dos colexios de Ames en Bertamiráns. Do 2 ao 10 de maio o Pazo da Peregrina de Bertamiráns acollerá unha exposición da obra pictórica de Helena Segura Torrella. Entre o 2 e o 20 a figura de Lois Pereiro, conmemorada no Día das Letras Galegas deste ano, poderá coñecerse máis a fondo coa mostra que acollerán as casas de Cultura de Bertamiráns e o Milladoiro. O poeta será lembrado tamén o mércores 11 na actividade de contacontos musicada "Lois Pereiro na voz da xente", ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns.

Entre o 12 e o 27 o Pazo da Peregrina acollerá a exposición do IX Premio de creación fotográfica Luís Ksado. Do 30 de maio ao 5 de xuño estará aberta ao público a exposición de clausura do obradoiro de manualidades tamén no Pazo da Peregrina. Entre o 16 e o 29 de xuño poderase visitar a exposición do IX Premio de Artes Plásticas Isaac Díaz Pardo no mesmo lugar.

Aula da Natureza

A Aula da Natureza programa unha serie de actividades divulgativas para rapaces e rapazas entre 6 e 12 anos os sábados ás 11:30 horas. Baixo o título xenérico de "Mañás ao Natural", comezarán o sábado 2 de abril coa actividade "Vén coñecer a túa Aula da Natureza". A seguinte actividade será "Coñecendo o bosque" o sábado 16 de abril, á que lle seguirá o 7 de maio "Coñecendo as cunchas". O sábado 28 de maio o tema será "Traballando coas plantas". Ao longo do mes de xuño a Aula da Natureza programará varias sesións de Butaca Verde. O venres 3 proxectarase o documental "La mar del silencio" ás 20:00 horas. Á mesma hora do venres 10 proxectará o documental "2050, how soon is now?". Finalmente, o día 17 proxectarase "Líneas discontinuas" á mesma hora.

O teatro terá tamén un espazo na programación de primavera. O venres 8 de abril a compañía Abrapalabra Creacións Escénicas estrea "Memorias dun neno labrego", ás 21:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. O domingo 10 Títeres Trompicallo representa "O día que chegou unha nube e choveu", ás 17:00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. No mesmo lugar, o venres 15 de abril, Teatro de Ningures representa a obra "0'7% Molotov", ás 21:00 horas, e o día 29 de abril a compañía Teatro Malasombra interpreta a obra "Go on!", ás 21:00 horas. O venres 6 de maio o grupo de teatro da USC representará "Historia de Pura e Angelita", ás 21:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. O xoves 12 será a quenda de Talía Teatro con "Pelos na lingua", ás 21:00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. A mesma obra representarase o xoves 19 de maio na Casa da Cultura do Milladoiro á mesma hora. O venres 27 a compañía Fulano, Mengano e Citano representa "Viva a crise", na Casa da Cultura de Bertamiráns ás 21:00 horas. A programación teatral durante o mes de maio péchase o día 28 co estreo por parte do Grupo Municipal de Teatro do Milladoiro da obra "O porvir está nos ovos". Esta representación será ás 21:00 horas na Casa da Cultura do Milladoiro.

Xa en xuño, o sábado 4 clausúrase a tempada do Grupo Municipal de Teatro de Bertamiráns coa representación de "Atraso", na Casa da Cultura do Milladoiro ás 21:00 horas. O luns 6 a compañía Babaluva representa "Lume", ás 18:00 horas, no mesmo lugar. O domingo 12 clausúrase o Obradoiro de Teatro de Bertamiráns coa obra "Zapping", ás 20:00 horas na Casa da Cultura de Bertamiráns, e o sábado 18 farase o propio co grupo do Milladoiro, que interpretará a peza teatral "Famos@s", ás 20:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro.

Programación deportiva

Tamén haberá sitio para o deporte nos meses de abril a xuño. O sábado 9 de abril terá lugar o II Encontro de Patinaxe das Escolas Deportivas Municipais, ás 12:00 horas, no pavillón polideportivo do Milladoiro. O mesmo día celebrarase o III Torneo de Karate Concello de Ames, nas modalidades de Kata e Kumite, no pavillón de Bertamiráns ás 16:00 horas. O sábado 30 terá lugar o I Torneo de Baloncesto das Escolas Deportivas Municipais, ás 11:00 horas no pavillón do Milladoiro.

O sábado 7 de maio xuntaranse o deporte e a aventura coa actividade de rafting polo río Deza, para maiores de 14 anos e cun custe de 14 euros. A inscrición estará aberta entre o 18 de abril e o 3 de maio, contando con prazas limitadas. O sábado 28 clausuraranse as Escolas Deportivas Municipais, ás 16:30 horas, no pavillón polideportivo do Milladoiro. O domingo 29 de maio terá lugar o IV Torneo de fútbol 7 benxamín, alevín e infantil no campo de fútbol municipal de Bertamiráns, ás 10:00 horas.

O sábado 4 de xuño terá lugar unha proba de supercross que puntúa para o campionato galego. Esta proba terá lugar, ás 17:00 horas, no circuíto de Brins. O día 11 a praia fluvial de Tapia acollerá unha actividade de achegamento ao piragüismo, ás 11:00 horas. Ao día seguinte, o domingo 12 de xuño, correrase a XI Milla Urbana no Milladoiro. Esta proba comezará ás 11:00 horas e discorrerá pola área deportiva desta localidade.

Actos culturais

O sábado 30 de abril, o Concello de Ames conmemorará o Día do Libro con exposición e venda de libros, obradoiros, lecturas e actuacións musicais, que se enmarcan dentro do programa de "Literatura na praza". Esta actividade terá lugar ás 17:00 horas na praza do do Concello, en Bertamiráns.

Por outra banda, o 17 de maio celebrarase o Día das Letras Galegas, dedicado este ano ao poeta Lois Pereiro. Co gallo desta data haberá unha actuación da Escola Municipal de Música e a entrega dos premios do VIII Certame Literario Concello de Ames, do III Certame Artístico-Literario Intercentros e do Concurso radiofónico de teatro lido de Ames na Casa da Cultura do Milladoiro, ás 18:00 horas. Para o certame literario os textos poden ser presentados antes do 14 de abril. As pezas do concurso de teatro radiofónico, "Desata a lingua!" escoitaranse en Ames Radio (FM 107.2) entre o 11 de abril e o 6 de maio, entre as 13:30 h. e as 14:30 horas e entre as 22:00 h. e as 23:00 horas. Poderase votar polo grupo favorito entre esas mesmas datas.

O venres 3 de xuño clausurarase o obradoiro de canto ás 20:00 horas na Casa da Cultura de Bertamiráns, e o 10 farase o mesmo co obradoiro do Milladoiro na Casa da Cultura desta localidade. O día 11 de xuño a Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá a clausura do obradoiro de baile e música tradicional, ás 18:00 horas. O mércores 22 terá lugar o concerto de clausura da Escola Municipal de Música, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro.

Excusións polos espazos naturais de Galicia

A veciñanza máis viaxeira tamén ten actividades no mes de xuño. Dentro do programa Coñecendo o país, o sábado 18 de4 xuño realizarase unha visita á Ribeira Sacra para a que deberán anotarse entre o 6 e o 10 dese mesmo mes. O domingo 26 haberá, dentro do programa de visitas a espazos naturais de Galicia, unha excursión ás Illas Cíes.

Ás actividades de contacontos para os máis novos continúan. A Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá sesións o 7 de abril e o 5 e 18 de maio. A do Milladoiro fará o propio o 6 de abril e o 4 e 19 de maio. O Local Social de Augapesada acollerá unha sesión o 16 de maio. Todas estas actividades serán ás 18:00 horas.

A Biblioteca de Ames acollerá obradoiros de narrativa para nenos e nenas maiores de 8 anos baixo o lema "Convértete en escritor". Será as 18:30 horas do mércores 13 de abril en Bertamiráns e á mesma hora do día seguinte no Milladoiro. As inscricións faranse entre o 28 de marzo e o 8 de abril. Tamén organiza o obradoiro das palabras, o 11 de maio na biblioteca de Bertamiráns e o 12 na do Milladoiro, ambas ás 18:30 horas. As inscricións serán nas bibliotecas entre o 25 de abril e o 6 de maio.

A Primavera Lúdica 2011 desenvolverase os 18, 19, 20 e 25 de abril. A inscrición será do 14 ao 26 de marzo. O Xuño Lúdico celebrarase o 23, 27, 28, 29 e 30 de xuño, con prazo de inscrición do 15 ao 30 de maio.

Xa fóra da primavera, a Escola de Verán desenvolverase en xullo e agosto con nenas e nenos de 2º ciclo de educación infantil e primaria que deberán anotarse entre o 15 e o 30 de maio. Ademais haberá campamentos de verán para rapaces e rapazas desde educación infantil aos 18 anos.

Ames terá así ao longo da primavera e tamén no verán unha oferta cultural moi completa para todos os públicos. A veciñanza do Concello poderá participar en múltiples actividades ao longo destes meses.

A nova noutros medios dixitais:

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "La primavera cultural amiense incluye más de 50 actividades"
El Correo Gallego: "Muestras en las dos casas de la cultura de Ames"