Pestanas principais

Previsto para setembro o comezo das obras de mellora de accesibilidade na contorna da praza da Maía de Bertamiráns

Venres, 17 de agosto de 2018

[17-08-2018] Unhas das apostas máis firmes que se está realizando dende o Concello é a mellora da accesibilidade das instalacións municipais e dos espazos públicos de Ames. Logo dos traballos en varias instalacións do Milladoiro, Bertamiráns e na praia fluvial de Tapia, para o próximo mes de setembro está previsto o inicio dos traballos na contorna da praza da Maía. Obras que se desenvolverán ao abeiro dunha subvención da Consellaría de Medio Ambiente e que contan cun orzamento de 48.127,65 euros. Coa procura de facer un concello accesible e a necesidade de proceder á humanización e eliminación de barreiras arquitectónicas no termo municipal, o goberno xa leva investidos arredor de 300.000 euros neste mandato.


Investimento en accesibilidade
A actuación prevista na praza da Maía de Bertamiráns súmase a outras moitas que, en materia de accesibilidade, está a desenvolver o grupo de goberno. Así, son máis de 300.000 euros os que xa se investiron en actuacións en varias instalacións do Milladoiro (parque infantil adaptado, oficinas xerais, biblioteca, piscina municipal, Travesía do Porto, pasos de peóns), na Casa do Concello e Praza do Concello en Bertamiráns, así como nas instalacións da praia fluvial de Tapia.

Ademais, está previsto que comecen en breve os traballos na rúa Agro do Medio no Milladoiro e, pendentes de licitar, están tamén as obras de mellora da accesibilidade no Pazo da Peregrina de Bertamiráns e nos pavillóns polideportivos de Bertamiráns e Milladoiro. Un investimento pendente de executar que rondaría os 400.000 euros, cifras que confirman no actual mandato o maior investimento en accesibilidade na historia de Ames. Para o concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, queda patente “o compromiso deste goberno coas persoas con problemas de mobilidade e discapacitadas”.


A actuación prevista para a mellora da accesibilidade na contorna na praza da Maía, en Bertamiráns, desenvolverase en tres zonas concretas. Na primeira, na confluencia coa Avenida da Maía, procederase ao levantado do pavimento de adoquín e do bordo de pedra granítica, ademais do corte de pavimento para a colocación dun novo bordo que enlace coa beirarrúa. Procederase tamén á colocación do pavimento de baldosas de pedra granítica sobre base de formigón armado e dunha franxa de pavimento de adoquín de pedra granítica como elemento de enlace das dúas beirarrúas.

No linde da Praza da Maía coa Travesía da Peregrina a actuación consistirá no levantado do bordo de pedra granítica e da xardinería, ademais do corte de pavimento para a colocación dun novo bordo que enlace coa beirarrúa. Tamén se colocará o pavimento de baldosas hidráulicas sobre base de formigón armando e procederase á modificación de arquetas e pozos.

Haberá un terceiro espazo onde se desenvolverán melloras de accesibilidade, na confluencia da Travesía da Peregrina coa rúa Rueiro. Nesta zona, procederase ao levantado de bordo de formigón de beirarrúa e ao corte de pavimento asfáltico para colocar bordo de formigón. A actuación contempla tamén a base de beirarrúa de formigón armado, pavimento de baldosas hidráulicas con zonas diferenciadas e a formación de vaos peonís e pintado de liñas de marcación vial.



Contido relacionado


Compostela 24 horas: "Previsto para setembro o comezo das obras de mellora de accesibilidade na contorna da praza da Maía de Bertamiráns"