Pestanas principais

A prevención do cancro centrará a próxima charla do ciclo Falemos de Saúde

Mércores, 25 de outubro de 2017

[25-10-2017] O xoves, 26 de outubro, ás 18:00 horas, o local de JUPEMI no Milladoiro volverá acoller unha nova charla do ciclo Falemos de Saúde, nesta ocasión centrada na prevención do cancro. Nela, trataranse de desmitificar ideas preconcibidas sobre esta enfermidade, potenciando, asemade, unha actitude positiva por parte das e dos pacientes e das súas familias. As encargadas desta sesión serán Lucía Álvarez – Santullano e Aroa Gutiérrez, ambas psicólogas da Asociación Española contra o Cancro (AECC). A charla fai parte das iniciativas organizadas polo Concello de Ames co gallo do Día Mundial contra o Cancro de Mama, conmemorado o pasado 19 de outubro.

A próxima charla do ciclo Falemos de Saúde celebrarase este xoves, 26 de outubro, no local de JUPEMI (o club de persoas xubiladas do Milladoiro), a partir das 18:00 horas. Nesta ocasión, o tema a abordar será a prevención do cancro. A charla será impartida por dúas psicólogas da AECC, Lucía Álvarez – Santullano e Aroa Gutiérrez, que serán as encargadas de abordar os factores de prevención desta enfermidade, como son unha dieta saudable, a realización de exercicio físico ou a eliminación do tabaco e do alcohol. Na charla, que tentará ser sinxela e participativa, tamén se ofrecerá información sobre diferentes programas de detección precoz do cancro.

A concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, expresa o apoio incondicional do Concello de Ames a todas as persoas con cancro: “Desde o Concello de Ames, queremos mostrar o noso apoio incondicional a todas as persoas que loitaron, loitan ou loitarán, con forza e positividade, contra esta enfermidade. Temos que ter sempre presente que o cancro non discrimina e que, por iso, pode tocarlle a calquera. Gustaríame destacar tamén o importante papel que realizan asociacións como a AECC, traballando no acompañamento e axuda ás persoas con cancro e na sensibilización da poboación acerca desta enfermidade”. 

Un programa centrado na saúde das mulleres
O ciclo Falemos de Saúde foi posto en marcha polo Concello de Ames o pasado mes de marzo. Conformado por 11 charlas – obradoiros, o programa está dirixido a un público feminina, xa que nel se tratan, fundamentalmente, doenzas que afectan exclusiva ou maioritariamente ás mulleres. Ata o de agora desenvolvéronse seis charlas: sobre as disfuncións do solo pélvico, sobre autoestima e empoderamento, acompañamento de persoas con cancro, a sexualidade na idade adulta, a idade saudable e a menopausia.

As charlas que quedan por impartir son aquelas centradas no control do estrés, da ansiedade e nas técnicas de relaxación, na prevención da drogodependencia, na corresponsabilidade e igualdade e na adición sen substancias.