Hoxe comeza a Semana da Bicicleta para o alumnado do CEIP Agro do Muíño, ao abeiro da cal un total de 39 nenos e nenas, matriculados nos cursos de 5º e 6º de Primaria do centro, utilizarán a bicicleta durante esta semana para realizar o percorrido que separa o colexio dos seus fogares, tanto ao comezo como ao remate das clases. Esta mañá tivo lugar o primeiro desprazamento ata o centro, que partiu da Praza do Concello de Bertamiráns. Durante o traxecto, as rapazas e rapaces estiveron acompañados de membros da Policía Local e da agrupación de Protección Civil de Ames, así como da directora do CEIP Agro do Muíño, varios pais e nais voluntarios, a concelleira de Sanidade e Servizos Sociais, Luísa Feijóo, e a técnica de Sanidade Rosana Martínez. Antes da saída, o inspector da Policía Local de Ames ofreceulles ás cativas/os unha serie de pautas sobre o desprazamento en bicicleta e as normas de circulación.
A Praza do Concello de Bertamiráns foi o lugar escollido para a inauguración da Semana da Bicicleta, que tivo lugar esta mañá ás 9.00h. Alí reuníronse os 39 nenos e nenas que, ao longo desta semana, realizarán o traxecto de ida e volta do colexio ás súas casas en bicicleta. A ruta consiste nun percorrido de arredor de 2,2 quilómetros que comeza neste punto de encontro e transcorre pola rúa Alcalde Lorenzo en dirección ao Agro do Muíño, ata a intersección co camiño que vai cara a depuradora. Unha vez alí, os nenos e nenas xiran á dereita e percorren dito camiño ata realizar a entrada na urbanización do Agro do Muíño pola rúa Ribeira de Maguxe, tralo que circulan pola rúa do Carballo que vai a dar ao portal traseiro do centro escolar. Para a volta, na que se realiza o mesmo percorrido á inversa, hai habilitadas dúas quendas. A primeira delas sae da escola en dirección á Praza do Concello ao remate das clases, ás 14.30h, mentres que a segunda quenda ten lugar ás 16.30h, coincidindo co fin do servizo de comedor.
Durante esta primeira xornada, o inspector da Policía Local de Ames, José Antonio Rodríguez, ofreceulles aos nenos e nenas unha serie de pautas sobre a circulación en bicicleta, así como un pequeno repaso polas distintas sinais de tráfico, antes de comezar o traxecto. Asemade, as cativas/os recibiron unha pequena guía onde se detallan aspectos como a sinalización das maniobras e xiros, por onde circular, como facerse visible para outros vehículos, normas de seguridade ou as comprobacións necesarias para verificar que a bicicleta está en bo estado para a circulación.
A continuación, os e as participantes iniciaron o camiño cara o centro escolar, acompañados por dous membros da Policía Local, varios membros da agrupación de Protección Civil, e tres pais/nais voluntarios. Nesta primeira ruta tamén participaron a directora do CEIP Agro do Muíño, Mº Carmen Liñares, a concelleira de Sanidade e Servizos Sociais, Luísa Feijóo e a técnica de Sanidade Rosana Martínez.
Unha actividade con múltiples obxectivos
Esta iniciativa foi proposta pola dirección do centro escolar durante a primeira reunión da Mesa de coordinación Intersectorial de Saúde do Concello de Ames, realizada no pasado mes de febreiro. Con esta actividade, o CEIP Agro do Muíño non só se busca promocionar hábitos de vida saudable, senón tamén mostrarlle ao alumnado, dende un punto de vista práctico, a necesidade de buscar opcións de mobilidade sostible que repercutan no medio ambiente e conciencialos sobre elo.
Outros dos obxectivos que se pretenden conseguir con esta Semana da Bicicleta son fomentar a autonomía dos nenos e nenas, así como poñer en práctica e asentar os coñecementos adquiridos polo alumnado durante a charla sobre seguridade viaria ofrecida pola Garda Civil no centro. Cabe destacar que esta Semana da Bicicleta conta coa colaboración da Concellaría de Sanidade de Ames, a agrupación de Protección Civil e a Policía Local de Ames.
Ligazóns:









