Pestanas principais

Preto de 90 nenos/as acoden ao campamento da granxa colexio Fervenza do Toxa

Martes, 28 de xuño de 2011

[28-06-2011] Coas mochilas cheas de ilusión, así marcharon os 31 nenos e nenas de 3 a 4 anos que participan no campamento da granxa colexio Fervenza do Toxa, situado no concello de Silleda. Este é o grupo máis novo que acode a esta actividade. A pesar da súa curta idade, os nenos/as despedíronse de seus pais e nais cun sorriso nos beizos e con ganas de pasalo ben. Os cativos/as pasarán unha noite fóra do seu fogar. Marchan o luns 27 de xuño pola mañá e volven o martes 28 de xuño pola tarde. O martes 28 de xuño sae outro grupo de 56 nenos e nenas de 3º de infantil e 1º de primaria. Este grupo tamén acode á granxa colexio Fervenza da Toxa entre os días 28 e 30 de xuño. Neste campamento os nenos aprenderán a traballar en grupo coidando os animais da granxa e recollendo hortalizas e froitas na horta. Ademais participarán en diferentes obradoiros de repostaría e divertiranse con xogos, bailes e contos.

O Concello de Ames pon en marcha un ano máis unha das actividades máis esperadas polos cativos/as, os campamentos de verán. Este ano ofertáronse un total de 416 prazas para que os rapaces e rapazas gocen duns días de campamentos. Estas actividades teñen como finalidade permitir que ás nais e pais poidan conciliar por uns días a vida familiar coa laboral, mentres os seus fillos se divirten. Estes campamentos de verán están dirixidos a todos os nenos e nenas de segundo ciclo de educación infantil, educación primaria, ESO e rapaces e rapazas de ata 18 anos, empadroados no Concello de Ames.

O luns 27 e o martes 28 parten dous dos grupos de campamentos. Un formado por 31 nenos/as de 3 a 4 anos e outro de 56 nenos/as de 3º de infantil e 1º de primaria (5 a 7 anos) con destino á granxa colexio Fervenza do Toxa. En total son 87 nenos e nenas os que inauguran a temporada de campamentos de verán.

Os primeiros, os máis pequenos, nenos e nenas de 3 a 4 anos subiron ao autobús con dirección á granxa colexio Fervenza do Toxa, na localidade de Silleda. Este campamento está moi preto da fervenza máis alta de Galicia, un lugar ideal para que se vaian adaptando a este tipo de actividades de xeito progresivo. O obxectivo fundamental da actividade é que os nenos/as poidan pasar uns días inesquecibles facendo novos amigos, mentres aprenden a compartir e respectar a natureza. Os cativos pasarán unha noite fóra do seu fogar, pois este campamento desenvolverase durante os días 27 e 28 de xuño.


Os cativos do primeiro grupo, ao ser nenos/as tan pequenos, estarán acompañados dos monitores en todo momento (comida, cea, noite e por suposto durante todas as actividades). Ademais de todo o equipo docente da granxa colexio Fervenza do Toxa, os nenos/as contan coa asistencia de dous monitores/as contratados directamente polo Concello e que xa son coñecidos polos propios nenos/as dado que participan noutras actividades desenvolvidas dende a Administración local. Cómpre salientar que nas reunións mantidas cos pais e nais lembróuselle que os nenos/as poden confiar e pedirlles aos/ás monitores/as axuda en todo o que precisen.

O martes 28 de xuño parte cara a este mesmo destino, a granxa colexio Fervenza do Toxa, un grupo de 56 nenos/as e 3º de infantil e 1º de primaria para estaren no campamento ata o 30 de xuño. Neste grupo, a lista de agarda moveuse ata o posto 23  xa que houbo varias renuncias de rapaces que en principio ían a ir. Aos 20 nenos/as restantes que figuraban na lista de agarda ofrecéuselles a posibilidade de ir a este mesmo campamento noutra quenda ou de acudir ao campamento dos Barreiros.

Os nenos/as que acoden á granxa colexio da Fervenza do Toxa realizarán actividades, xogos e obradoiros relacionados co medio natural Ademais, poderán coñecer os animais da granxa (ovellas, vacas, porcos, burros, etc.). Por outra banda participarán en diferentes actividades de horta, recollendo hortalizas e froitas, e terán a oportunidade de dar un paseo en poni. Os nenos/as tamén terán tempo para experimentar na cociña facendo produtos artesanais como pan ou rosquillas, así como xogar, bailar e escoitar contos.


Servizo de información - sms

O Concello de Ames mantén permanentemente informadas ás familias dos rapaces e rapazas que acoden aos campamentos de verán a través de mensaxes de texto. Coma se dun un servizo de noticias exprés se tratase, o Concello de Ames mantén periodicamente informadas ás familias dos rapaces e rapazas de canto acontece nos campamentos de verán nos que os seus fillos e fillas gozan duns días de vacacións. A través dun servizo de SMS, papás e mamás reciben noticias puntuais sobre as actividades e o estado dos seus cativos e cativas.