Pestanas principais

Preto de 90 equipos e máis de 1.000 nenos e nenas participaron na oitava edición da Ames Cup

Martes, 23 de abril de 2019

O Bertamiráns FC, en colaboración co Concello de Ames, organizou unha nova edición do torneo de fútbol base, Ames Cup, que se desenvolveu no campo municipal de Bertamiráns do 18 ao 21 de abril. Preto de 90 equipos formados por nenos e nenas de ata 12 anos, participaron da festa do fútbol base en Ames, nas categorías biberón, prebenxamín, benxamín e alevín. Cómpre salientar que este ano, por primeira vez, incluíuse na Ames Cup un torneo para os rapaces e rapazas da categoría biberón na que participaron 8 equipos. O equipo anfitrión, o Bertamiráns FC, estivo representado con 12 equipos.

A Ames Cup consolidase, ano tras ano, na programación deportiva municipal apoiada polo incremento de participación. Así, nesta edición contou coa participación de preto de 90 equipos. Ditas agrupacións chegaron de diversos concellos como Ames, Vedra, Teo, Negreira, Santiago de Compostela, Padrón, A Estrada, Noia, Lugo, Carballo, Boqueixón, Porto do Son, Silleda, Vilagarcía de Arousa, Ordes e da comarca do Barbanza.

O torneo disputouse na modalidade de fútbol 8, para o que se habilitaron dous campos de xogo dispostos ao ancho. O xoves 18 realizouse a competición da categoría benxamín, mentres que o venres 19 disputouse na categoría prebenxamín. O sábado 20 foi a quenda para os rapaces e rapazas da categoría alevín e, por último, o domingo 21 de abril disputáronse os partidos da categoría biberón. Durante os catro días de competición houbo un gran ambiente no campo municipal de Bertamiráns cunha gran cantidade de público.

Equipos gañadores de cada categoría
Na categoría benxamín impúxose na final o CD Conxo/Santiago ao Atlético Cuntis por 1-0, mentres que na final de consolación o equipos do Bertamiráns FC “D” gañoulle ao Bertamiráns FC “C” por 2-0. Nesta categoría o premio especial Adrián Amboage ao mellor xogador foi para Ramón Lozano do CD Conxo/Santiago.

Na categoría prebenxamín o equipo que quedou na primeira posición foi o Bertamiráns FC “A” que lle gañou na final ao EF Boqueixón por 2-0. A terceira posición foi para o Atlético Fátima que se impuxo na final de consolación ao Sálvora CF por 1-0. Nesta categoría o premio especial Adrián Amboage ao mellor xogador foi para Manu Blanco do Bertamiráns FC “A”.

Por outra banda, na categoría alevín o gañador foi o Sálvora CF que lle gañou na final ao Bertamiráns FC “A” por 2-0. No partido polo terceiro posto impúxose o CD Sar as Escolas Deportivas do Xuventude de Oroso por 1-0. Na categoría alevín o premio especial Adrián Amboage ao mellor xogador foi para Manuel Brión do Sálvora CF.  Categoría dos/as biberón
Ademais, este ano por primeira vez incluíuse na Ames Cup un torneo para os rapaces e rapazas da categoría biberón na que participaron 8 equipos. Nesta categoría o equipo gañador foi o Bertamiráns FC. En segunda posición quedaron as Escolas do Estradense FB. Tamén participaron os equipos do SD Sofán (terceiro clasificado); CD Conxo/Santiago (cuarto clasificado); Noia CF (quinto clasificado); Escolas Municipais de Fútbol do Concello de Boiro (sexto clasificado); CED Vedra (sétimo clasificado); e Amio SD (oitavo clasificado). Nesta categoría o premio especial Adrián Amboage ao mellor xogador foi para Roque Torres das Escolas do Estradense FB.

Desenvolvemento do torneo
No tocante ao desenvolvemento do xogo, nas categorías alevín, benxamín e prebenxamín os equipos xogaron a fase de grupos pola mañá e a fase final pola tarde, excepto os rapaces e rapazas da categoría biberón que xogaron todos os partidos na mañá do domingo. Nesta categoría os 8 equipos estiveron separados en 2 grupos de 4 equipos. Primeiro xogaron os partidos da fase de grupos e despois xogaron contra o equipo que quedou na mesma posición do outro grupo para decidir a clasificación final.

Asemade, a entrega de premios de cada categoría realizouse ao remate de cada xornada. Se ben as xornadas do xoves, venres e sábado desenvolvéronse de mañá e de tarde, a competición da categoría biberón do domingo celebrouse só pola mañá.

Ligazóns

Preto de 90 equipos e máis de 1.000 nenos e nenas participaron na oitava edición da Ames Cup

Multimedia

  • Preto de 90 equipos e máis de 1.000 nenos e nenas participaron na oitava edición da Ames Cup
  • Preto de 90 equipos e máis de 1.000 nenos e nenas participaron na oitava edición da Ames Cup
  • Preto de 90 equipos e máis de 1.000 nenos e nenas participaron na oitava edición da Ames Cup