Pestanas principais

Preto de 8.000 persoas empregaron o servizo de bibliopiscinas do Concello de Ames durante o verán de 2014

Luns, 08 de setembro de 2014

[08-09-2014] As bibliopiscinas de Ames, unha iniciativa que leva a lectura e outros servizos da biblioteca municipal, como os xogos, xoguetes ou actividades e contacontos, aos lugares de ocio de todo o municipio, rexistraron durante os meses de xullo e agosto un total de 5.874 usuarios/as. O servizo de bibliopiscinas que maior demanda tivo foi o da praia fluvial de Tapia, seguido do da piscina do Milladoiro e do da piscina de Bertamiráns. Ademais, nas actividades de contacontos e obradoiros houbo un total de 1.937 participantes. A inmensa maioría dos asistentes ás bibliopiscinas foron nenos/as menores de 9 anos. Como novidade, este ano houbo 6 mozos/as que colaboraron como voluntarios/as no servizo de bibliopiscinas. Esta colaboración enmarcouse dentro do proxecto “Ambientando o lecer”, que sufragou a Xunta de Galicia.

Segundo os datos recollidos nas bibliopiscinas, un total de 5.874 persoas, tanto adultas como nenos ou nenas, empregaron durante os meses de xullo e agosto este servizo. A este total habería que engadirlle as persoas que participaron nos obradoiros e contacontos, que foron 1.937 persoas. A inmensa maioría dos asistentes ás bibliopiscinas foron nenos/as menores dos 9 anos.
O servizo de bibliopiscinas de Ames é unha iniciativa da concellaría de Educación que, por décimo segundo ano consecutivo, achegou os seus servizos tradicionais, levando os libros, os xogos, os contos, os xoguetes e varias actividades a estas áreas de baño. Ademais, nas bibliopiscinas houbo xornais, xogos de mesa e libros para os maiores. O servizo foi impartido por varios monitores que se encargaron de facer máis entretidas as tardes de piscina da época estival.
Ademais, púidose acceder aos servizos de préstamo de libros a toalla e a domicilio. Algo para o que só foi preciso contar co carné das bibliopiscinas ou da piscina municipal descuberta. Todos os demais servizos foron de acceso libre.
O concelleiro de Educación, Bernardo Moar, explicou que “este ano a pesar de que non fixo demasiada calor os datos de participación no servizo de bibliopiscinas foron moi bos. A través deste servizo preténdese que os nenos e nenas poidan asociar a lectura non só coas horas de estudo senón tamén co tempo de lecer”.
Bernardo Moar engadiu que “este ano houbo 6 mozos/as que colaboraron como voluntarios/as no servizo de bibliopiscinas. O Concello estivo levando a cabo o proxecto “Ambientando o lecer”, un programa de actividades de animación á lectura e promoción do medio ambiente no tempo de lecer. Grazas a estes mozos/as voluntarios/as púidose ofertar unha programación máis ampla de obradoiros, xa que foron eles os encargados de impartir a maioría destas actividades”.
Horario e persoal das bibliopiscinas
En Bertamiráns e no Milladoiro o horario foi de luns a venres de 16:00 h a 20:00 horas. As fins de semana e os festivos estiveron pechadas. En Tapia o horario foi o mesmo, dende as 16:00 h ás 20:00 horas, pero de martes a domingo (os luns estiveron pechadas por descanso do persoal). Ademais, estivo aberto os días festivos.
Este servizo foi impartido por varios monitores/as que se encargaron de facer máis entretidas as tardes de piscina da época estival. Cómpre salientar que este servizo estivo impartido por persoal amiense. Durante os meses de xullo e agosto o horario das bibliotecas municipais de Bertamiráns e do Milladoiro foi de 9:00 h a 14:00 horas.
Este ano o Concello de Ames estivo desenvolvendo o programa “Ambientando o lecer” que incluíu actividades lúdicas e ambientais para a infancia e a mocidade, a través da creación dun equipo de 8 voluntarios/as xuvenís que colaboraron en actividades municipais, especialmente durante os meses de verán (6 en bibliopiscinas, e 2 en campamentos e na Aula da Natureza). Este programa foi posto en marcha grazas a unha subvención que se lle solicitou á Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, da Xunta de Galicia, co obxectivo de desenvolver e promover actividades de voluntariado xuvenil que favorecesen o desenvolvemento persoal e/ou profesional da mocidade.