Pestanas principais

Preto de 80 nenos e nenas participan na Primavera Lúdica

Mércores, 31 de marzo de 2021

O pasado luns, 29 de febreiro, comezou unha nova edición da Primavera Lúdica con 79 participantes. A través deste programa, que se desenvolve no CEIP da Maía, EEI do Milladoiro e CEP de Ventín, trátase de facilitar a conciliación das familias amesáns durante as vacacións escolares do Semana Santa. As actividades, impartidas de 7.30 á 16.00 horas e incluíndo os servizos de Bos Días e comedor, continuarán até o luns 5 de abril. Nesta edición o programa dedicarase a observar a natureza, tanto fauna como flora, para prender a entendela e coidala.  Ademais, realizaranse actividades de ioga infantil e mindfulness para que os nenos e nenas identifiquen os seus sentimentos. Por mor da situación sanitaria derivada da COVID19, estase a ter en conta unha serie de medidas de prevención -redución de ratios, aumento dos labores de limpeza e definición das actividades que se poden realizar sen risco- que están recollidas no decreto e protocolo sobre o plan de adaptación da Primavera Lúdica 2021.

A Primavera Lúdica conta este ano coa participación de 79 nenas e nenos, dos que 31 acoden ao CEIP da Maía; 20 a EEI do Milladoiro e 28 ao CEP de Ventín. Ata o luns 5 de abril, os/as nenos/as inscritos/as están a realizar unha gran variedade de actividades e xogos en horario de 9.00 a 14.00 horas, excepto aqueles para os que se lle solicitou o servizo Bos Días, que comeza ás 7.30 horas, ou o servizo de comedor, que remata ás 16.00 horas.

As actividades comezaron creando un gran mural das emocións onde cada neno e nena creou un debuxo expresando a emoción que sinte en cada unha das estacións do ano. A continuación, elaborouse un álbum de plantas e árbores para que, divididos en pequenos grupos, o/as participantes observaran as árbores ou plantas do centro.

Durante as primeiras xornadas os pequenos e pequenas crearon un calendario de observación natural co fin de identificar os pequenos cambios que se producen a diario no clima: Exposición solar, formas das nubes, sensación térmica, fenómenos naturais, sons... e tamén, cal é a emoción que cada un sente nese momento. Este peculiar calendario terá o seu protagonismo cada día ao comezo e ao final do día rexistrando estes cambios que pasan inadvertidos diariamente.

Ademais de analizar a flora, a Primavera Lúdica tamén se centrou na fauna. En pequenos grupos buscaranse insectos e dedicarán un tempo a observar onde viven, que fan diariamente e ata como se organizan.

Ademais destas actividades de observación, o programa estará centrado na consciencia propia e autocoñecemento. A través de actividades de ioga infantil e mindfulness, os nenos e nenas terán tamén unha visión introspectiva de si mesmos tratando de identificar como se senten, sendo conscientes do seu corpo e as súas posibilidades. Promoveranse así mesmo hábitos saudables na alimentación e condición física, así como unha actitude responsable co medio natural a través da reflexión da nosa pegada de CO2, residuos das merendas, pegada hídrica, procedencia das nosas prendas de vestir...

Programa de conciliación Primavera Lúdica
A Primavera Lúdica forma parte dunha serie de programas de conciliación que o Concello de Ames, a través da Concellaría de Educación, convoca nos períodos de vacacións escolares para axudar ás familias amesás a compatibilizar vida laboral e familiar. O programa basease en actividades que combinan o lúdico co educativo e que favorecen a educación en valores como o respecto, a empatía e a igualdade.

O programa de conciliación Primavera Lúdica está dirixido ás familias empadroadas e residentes no concello de Ames, que teñan nenas e nenos escolarizados no segundo ciclo de Educación Infantil ou en Educación Primaria. O programa desenvolverase en Bertamiráns (CEIP da Maía) e no Milladoiro (EEI do Milladoiro e CEP de Ventín).

A Primavera lúdica permite que as familias inscriban ás crianzas en función das súas necesidades de conciliación, ofertando tamén un servizo de almorzo, que comeza ás 7.30 horas, e outro de xantar, cuxas usuarias e usuarios deberán ser recollidos antes das 16.00 horas. O horario das actividades irá das 9.00h ás 14.30 horas. Desta maneira, as familias poderán combinar servizos e horarios segundo precisen. As monitoras e monitores coidarán das cativas e cativos en todo o momento. Aquelas nenas ou nenos con necesidades especiais contarán coa atención individualizada dun monitora ou monitor durante todo o programa.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Conciliación en los colegios de Ames" 

El Correo Gallego: "Ochenta chavales nutren la conciliación primaveral"

Primavera Lúdica.

Multimedia

  • Primavera Lúdica.
  • Primavera Lúdica.
  • Primavera Lúdica.