[05-06-2015] O Motoclub Ameixenda, en colaboración co Concello de Ames, a Deputación da Coruña, o corpo de Protección Civil do Concello de Santiago e o salón de beleza Paula de Bertamiráns, organiza este domingo, 7 de xuño, a proba de supercross “Gran Premio Concello de Ames-Dagan Cup Supercross 2015”, que se desenvolverá no circuíto SX “Alex de Moure” e que está situado no lugar do Vilar na parroquia da Ameixenda. Nesta proba participarán 67 pilotos de supercross de toda Galicia.
Esta proba está incluída na Dagan Cup, que actualmente é a única competición de supercross que se organiza en Galicia. Trátase dun evento non oficial, interprovincial e non federado, de acordo coa actual normativa galega de deportes, e na que se dan cita os mellores pilotos galegos desta modalidade deportiva xa que actualmente non existe outra proba federada de supercross. A Dagan Cup 2015 está composta de nove probas, das cales dúas desenvolveranse en Ames.
Esta é a segunda vez que se organiza esta proba no novo circuíto SX “Alex de Moure”. Este recinto de máis de 17.000 metros cadrados conta cun amplo aparcadoiro, situado a escasos metros da pista de competición, e cunhas condicións óptimas tanto para a práctica do deporte como para contemplación desta modalidade deportiva.
Nesta proba inscribíronse 67 persoas, entre as que se atopan algúns dos mellores pilotos galegos como son Marcos Fernández e Outon Rodiño, que compiten na categoría elite. Os participantes estarán divididos en seis categorías diferentes: elite, veteranos, promoción, 85 cc, alevín (50 cc e 65 cc) e hobby que son os que se inician neste deporte.
A proba comenzará as 9:00 horas coas verificacións técnicas e administrativas. Despois, a partir das 11:30 horas, os pilotos farán adestramentos libres. Este é o momento no que os deportistas toman contacto coa pista na que van ter que competir e mostrar as súas habilidades. Ás 16:30 horas dará comezo a proba que se compón de dúas mangas por categoría. O remate da proba realizarase a entrega de trofeos, que está prevista para as 20:00 horas.




