Pestanas principais

Preto de 70 alumnos/as participaron nos programas educativos que puxo en marcha o Concello para reducir o abandono escolar

Martes, 29 de xullo de 2014

[29-07-2014] O Concello de Ames, a través da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX), puxo en marcha dous programas educativos para reducir o abandono escolar, que se desenvolveron ao longo do curso 2013-2014 nos institutos de Bertamiráns e do Milladoiro. Por unha banda desenvolveuse o programa de reforzo educativo, no que participaron 44 alumnos/as de 1º e 2º de ESO, e por outra, impartiuse a iniciativa de técnicas de estudo, á que acudiron 20 rapaces e rapazas de 3º e 4º de ESO. A través destas actividades ofrecéuselle a posibilidade a todos os rapaces e rapazas de complementar os seus estudos con clases de apoio encamiñadas a potenciar o rendemento académico do alumnado.


Servizo de técnicas de estudio
O servizo de técnicas de estudio estivo dirixido ao alumnado de 3º e 4º de ESO. A través deste programa pretendeuse que o alumnado puidese establecer unhas determinadas competencias básicas a través das cales puidesen xestionar autonomamente as destrezas necesarias no contexto do seu proceso de aprendizaxe. É dicir, este curso pretendeu establecer uns cimentos operacionais primarios para que os rapaces e rapazas, mediante un exercicio continuado e constante, puideran alcanzar os seus obxectivos académicos. Polo que a finalidade xeral do curso foi establecer a autonomía habitual do alumnado respecto das súas tarefas escolares.

A través deste servizo traballouse co alumnado conceptos como o da motivación, o deseño dun organigrama de estudo, as técnicas de sistematización do coñecemento (mapas conceptuais, esquemas, resumes), a importancia do vocabulario e da memoria. As clases deste servizo tamén se desenvolveron nos dous institutos amienses. No IES de Bertamiráns participaron 14 alumnos/as, mentres que no Milladoiro acudiron a este servizo municipal 6 rapaces e rapazas.

O concelleiro de Educación e Xuventude, Bernardo Moar, explicou que “estes programas tiveron unha boa resposta por parte do alumando dos dous institutos amienses. Dende o goberno municipal cremos que é fundamental desenvolver este tipo de programas educativos para intentar reducir o abandono escolar temperán, polo que de cara ao vindeiro curso escolar volveremos a impartir este tipo de actividades”.

Durante o curso 2013-2014 o Concello de Ames puxo en marcha dous programas educativos para reducir o abandono escolar: reforzo educativo e técnicas de estudo. A través destas iniciativas pretendeuse favorecer o desenvolvemento de actividades que lle proporcionasen unha formación integral ao alumnado e, ao mesmo tempo, promoveran o esforzo compartido de toda a comunidade educativa na procura do éxito escolar e na redución do abandono temperán dos estudos por parte da mocidade. Deste xeito, pretendeuse diminuír o impacto dos factores que inciden no abandono do sistema educativo por parte do alumnado amiense sen obter a titulación de educación secundaria obrigatoria.

O servizo de reforzo educativo estivo dirixido ao alumnado de 1º e 2º de ESO, dividindo a docencia en dúas áreas: ciencias e letras. O plantexamento destas clases estruturouse segundo o método de “aprender facendo” e non como unha extensión das clases regulares. Tratouse de fomentar a comprensión das ideas mediante a práctica dos contidos traballados na aula, dirixidas a completar lagoas de coñecemento ou repasar contidos concretos traballados en clase (reforzo), ou ben naqueles casos nos que as necesidades do alumnado o requiriu dirixiuse á recuperación de destrezas básicas instrumentais que imposibilitan que o alumnado poida seguir o desenvolvemento ordinario das clases.

A finalidade destas clases de reforzo foi a de orientar a aprendizaxe do alumnado para que se sentiran protagonistas na construción do seu coñecemento. O servizo de reforzo educativo, que estivo dirixido ao alumnado de 1º e 2º de ESO, impartiuse nos institutos de Bertamiráns e do Milladoiro. Neste programa participaron 20 alumnos/as do IES do Milladoiro e 24 rapaces e rapazas do IES de Ames, en Bertamiráns. Dentro deste programa o alumnado puido asistir ás clases das áreas de letras e de ciencias.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Setenta alumnos de Ames participaron en el programa contra el fracaso escolar"