Pestanas principais

Preto de 600 persoas participaron no programa de inserción laboral Ames Emprega e Integra

Martes, 28 de novembro de 2023

A Casa da Cultura do Milladoiro acolleu esta mañá o acto de peche do programa Ames Emprega e Integra, unha iniciativa do departamento de Promoción Económica e Emprego do Concello de Ames, que estivo dirixido a colectivos desfavorecidos do municipio. Dito programa está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). Un total de 580 participantes do programa realizaron un itinerario de inserción laboral, mentres que 204 persoas participaron en accións de formación. Premendo nesta ligazón podes ver un vídeo sobre o programa Ames Emprega e Integra.

O Concello de Ames está inmerso na execución da EDUSI Impulsa Ames, que afronta xa a súa recta final, e que se está reflectir dende fai unhas semanas coa presentación de proxectos como os percorridos ambientais do Milladoiro, o novo sistema de alumeado LED de Bertamiráns ou a exposición da améndoa central de Bertamiráns.

Nesta ocasión, hoxe pola mañá tivo lugar na Casa da Cultura do Milladoiro o acto de peche do programa Ames Emprega e Integra. O evento de clausura comezou as 10.00 hora coa impartición da clase maxistral “Como sacar a mellor versión de min”. De 12.10 a 12.30h expuxéronse os resultados do programa e por último, de 12.30 a 13.30 horas, fíxose a entrega de distincións e diplomas. Ditas distincións foron outorgadas pola empresa Forgaltalent, adxudicataria do lote de formación sectorial, ás tres persoas que máis horas realizaron na formación sectorial e nas prácticas.

Programa Ames Emprega e Integra
Este programa é unha iniciativa do departamento de Promoción Económica e Emprego do Concello de Ames, que estivo dirixido a colectivos desfavorecidos do municipio. Dito programa está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). De xullo a novembro impartíronse un total de 13 cursos de formación sectorial, pensados para incrementar o índice de inserción laboral e social no municipio. Do total de 580 participantes do programa (máis do 75% foron mulleres), a maior parte realizaron un itinerario de inserción laboral, mentres que 204 persoas participaron en accións de formación.

Na formación transversal participaron 41 persoas. As accións formativas que máis interese espertaron entre os participantes foron empredemento, galego e habilidades sociais. Na formación sectorial con prácticas non laborais participaron 91 persoas (as de máis interese foron os ámbitos de almacén, enerxías renovables e comercio). As accións de formación online contaron con 72 participantes (as que máis interese espertaron foron administración e xestión, comercio e marketing, ofimática e servizos socioculturais e a comunidade).

Ademais, dentro do apartado de intermediación laboral, 580 persoas participaron na bolsa de emprego e orientación, que consistiu no asesoramento para elaboración de currículo, inscrición na oficina de emprego, acceso a ofertas laborais axustadas ao seu perfil, e información sobre outras formacións e servizos. Por último, 130 persoas tiveron aceso a ofertas laborais, participación en procesos de selección, entrevistas en empresas e contratos laborais (72 persoas conseguiron emprego durante os meses de programa).

Os cursos de formación sectorial impartidos foron: nivel medio de prevención de riscos laborais; prevención de riscos laborais para traballos de albanelería; servizo en restaurantes e bares; auxiliar de cociña; manipulador/a de alimentos; formación básica limpezas xerais; recepción e atención ao cliente en aloxamentos; camareiro/a de pisos; operacións auxiliares de almacén (inclúe carretilla); e dependente/a de comercio (caixa, reposición e atención ao cliente); curso de empregados/as domésticos; deseño e montaxe de instalacións fotovoltaicas e térmicas; e curso de comercial (especialización na factura de enerxía). Ademais, realizáronse prácticas non laborais vinculadas aos cursos impartidos dos sectores da hostalería, de limpeza, e de aloxamentos.

Acto de clausura
O alcalde, Blas García, e maila concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, participaron no acto de peche de dito programa. Tamén participaron as técnicas Carla Rois e Estefanía Muíño, coordinadoras do programa e persoal da empresa Rafer SL, adxudicataria do contrato de xestión e apoio técnico para desenvolver dito programa, así como os técnicos municipais de inserción laboral María Lloves e Pablo Bello.

O rexedor agradeceu o traballo de todos os que se involucraron no proxecto e destacou o éxito desta iniciativa, pois “hai persoas que participaron que xa puideron atopar emprego”. Nesta liña afirmou tamén que “calquera actividade que se faga que teña como resultado que unha soa persoa poida atopar emprego xa é un éxito, e máis nestes tempos”.

Tamén dixo que o que pretende o Concello con este programa é poder achegarse a esas persoas que teñen máis dificultades á hora de atopar un emprego por cuestións como a idade ou por levar moito tempo en paro, entre outras. Finalmente, o alcalde anunciou que desde o Goberno municipal van seguir traballando para manter estes cursos porque buscan “que Ames siga sendo unha referencia en formación”, e animou a a seguir traballando por conseguir esa liberdade que proporciona ter un emprego.

Obxectivo do programa
O obxectivo desta iniciativa foi a inserción laboral das persoas participantes ou a mellora da sua empregabilidade. Levouse a cabo mediante a execución dun programa de inserción laboral derivado dun estudio realizado previamente, que determinou cales eran os colectivos desfavorecidos e as súas demandas específicas de formación, acompañamento e práctica laboral.

O programa estivo dirixido prioritariamente a persoas mozas (menores de 30 anos), con particular atención a aqueles con déficit de formación, así como a mulleres, parados de longa duración, maiores de 45 anos, persoas con responsabilidades familiares non compartidas, persoas con discapacidade, persoas en situación de exclusión social e persoas inmigrantes. Para participar era necesario residir no concello de Ames, ser demandante de emprego e estar nunha situación de busca activa de emprego.

O ámbito territorial foi a totalidade do concello de Ames, priorizando os núcleos poboacionais do Milladoiro e de Bertamiráns como eixos presenciais do programa. As actividades do programa comezaron coa captación de participantes ao longo do mes de maio e desenvolvéndose ata o presente mes de novembro.

Dotación de competencias profesionais
A estratexia proposta polo programa de inserción laboral de colectivos desfavorecidos no concello de Ames puxo o foco de atención na necesidade de dotar ás persoas, (especialmente poboación feminina e inmigrante, mocidade sen cualificación, e parados de longa duración en situación de desemprego, en procura de primeiro emprego ou en procesos de mellora de emprego) das competencias transversais/horizontais e competencias profesionais necesarias para poder consolidarse no mercado laboral, atendendo ás competencias en materia de tecnoloxías da información e comunicación.

Esta actuación está cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) cunha taxa de cofinanciamento do 80% dentro do Programa Operativo FEDER de Crecemento Sostible 2014/2020, enmarcado dentro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Impulsa Ames, de conformidade coa Resolución do 21 de xullo de 2017, da Secretaria de Estado de Orzamentos e Gastos, pola que se resolve a concesión definitiva de axudas da segunda convocatoria para a selección de estratexias de desenvolvemento urbano sostible e integrado.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Casi seiscientos vecinos movieron pieza para lograr trabajo con Ames Emprega e Integra"

La Voz de Galicia: "El plan Ames Emprega e Integra asesoró a 580 personas y 204 se formaron para lograr empleo"

Ames Go: "O programa Ames Emprega e Integra chegou a 600 persoas"

Imaxe do acto de clausura do programa de inserción laboral Ames Emprega e Integra

Multimedia

  • Imaxe do acto de clausura do programa de inserción laboral Ames Emprega e Integra
  • Imaxe do acto de clausura do programa de inserción laboral Ames Emprega e Integra
  • Imaxe do acto de clausura do programa de inserción laboral Ames Emprega e Integra
  • Imaxe do acto de clausura do programa de inserción laboral Ames Emprega e Integra
  • Imaxe do acto de clausura do programa de inserción laboral Ames Emprega e Integra
  • Imaxe do acto de clausura do programa de inserción laboral Ames Emprega e Integra
  • Imaxe do acto de clausura do programa de inserción laboral Ames Emprega e Integra
  • Imaxe do acto de clausura do programa de inserción laboral Ames Emprega e Integra
  • Imaxe do acto de clausura do programa de inserción laboral Ames Emprega e Integra
  • Imaxe do acto de clausura do programa de inserción laboral Ames Emprega e Integra
  • Imaxe do acto de clausura do programa de inserción laboral Ames Emprega e Integra
  • Imaxe do acto de clausura do programa de inserción laboral Ames Emprega e Integra
  • Imaxe do acto de clausura do programa de inserción laboral Ames Emprega e Integra
  • Imaxe do acto de clausura do programa de inserción laboral Ames Emprega e Integra