- Tematica
Este domingo, 8 de marzo, o Concello de Ames acolle o VII Trail e Andaina Ribeiras do Tambre e III Campionato Xunta de Galicia de Trail Running Preclassic. Unha nova edición da proba organizada polo Concello e a Federación Galega de Atletismo, que este ano reunirá a 569 persoas entre as distintas categorías. A carreira comezará ás 10.00 horas dende A Ponte Maceira, e os participantes poderán recoller os seus dorsais a partir das 07.45 horas nas instalacións do Real Aeroclub de Santiago en Piñeiro. Este ano, como novidade, poderanse recoller os dorsais o sábado pola tarde, de 16.00 a 20.00 horas, nas instalacións de BJ Trainers. Consulta todas as bases e regulamento da proba aquí.
O pasado martes 3 de marzo pechou o prazo de inscrición para a sétima edición do Trail e Andaina Ribeiras do Tambre e que, simultaneamente, será a terceira do Campionato Xunta de Galicia de Trail Running Preclassic, que se disputará este domingo 8 de marzo. Na proba participarán un total de 569 persoas entre o trail longo, o trail curto, a camiñada e a proba preclassic.
No trail longo hai 240 inscritos, mentres que no trail curto inscribíronse 157 deportistas. No Trail Running Preclassic participarán 22 deportistas, mentres que para a andaina hai 150 persoas inscritas.
A Ponte Maceira volve a ser un ano máis o punto de partida deste evento deportivo, tanto para o trail como para a andaina. Os participantes do trail longo, cunha distancia de 16 quilómetros, sairán ás 10.00 horas, mentres que os da andaina, que terán que percorrer unha distancia de 15 quilómetros, sairán cinco minutos máis tarde, ás 10.05 horas. A meta para todas as probas será no Real Aeroclub de Santiago, nas instalacións da Ameixenda. A saída do trail curto e do campionato de Trail Running Preclassic (ambas probas teñen unha distancia de 8 quilómetros) será ás 10.25 horas.
Categorías
No trail longo haberá catro categorías: sénior masculino e feminino (dos 18 ata os 34 anos); máster 1 masculino e feminino (de 35 a 49 anos cumpridos o día da proba); máster 2 masculino e feminino (de 41 a 49 anos); e máster 3 masculino e feminino (persoas con máis de 50 anos). Para o trail curto, establécense tres categorías: sénior masculino e feminino (persoas nadas no 2008 e anteriores); sub 16 masculino e feminino (nados entre o 2011 e 2012); e sub 18 masculino e feminino (nados entre 2009 e 2010).
No caso da andaina, non se establecen categorías de participación mais a idade mínima de participación é de 12 anos. Os menores que participen na andaina, deberán de ir acompañados en todo momento por unha persoa adulta maior de 18 anos.
Premios
Haberá premios para os tres primeiros/as clasificados/as de cada categoría nos trails, ademais de premios para os tres primeiros equipos federados. Na mesma liña, todos os participantes das probas recibirán un agasallo técnico (que se poderá recoller xunto co dorsal de competición antes de coller os autobuses). A entrega de premios realizarase a partir das 12.30 horas nas instalacións do Real Aeroclub.






