[26-09-2011] Este domingo participaron na I Andaina pola senda verde de Ames preto de 60 persoas. Ás dez da mañá os camiñantes iniciaron o seu particular camiño amiense por un dos recursos naturais do municipio con máis valor paisaxístico e patrimonial. Durante o traxecto, os e as asistentes gozaron da presenza de dúas técnicos do Concello que actuaron como guías na interpretación da ruta. Deste xeito, os camiñantes non só gozaron dun bo paseo senón que tamén aprenderon e se mantiveron entretidos grazas ás explicacións ofrecidas polas técnicas de Turismo e Medio Ambiente. Deste xeito, preténdese valorizar o itinerario cultural e ambiental da ruta e da zona que comprende a senda verde. Debido ao compromiso co patrimonio paisaxístico e natural do Concello amiense, esta I Andaina contou tamén coa presenza do alcalde de Ames, Santiago Amor, do concelleiro de Persoal, Reforma Administrativa, Servizos e Urbanismo, Ramón García Argibay, da concelleira de Medio Ambiente, Desenvolvemento Sostible e Sanidade, Eugenia Martín, e a concelleira de Asociacionismo, Igualdade, Muller e Xuventude, María González. Está previsto que esta actividade, que se realiza por primeira vez este ano, se converta nunha cita anual.

Dúas horas despois, os e as asistentes realizaron un pequeno descanso de media hora no campo da festa de Bugallido que dispón de bancos e un amplo espazo de sombra que agradeceron os e as participantes. Alí puideron ir aos aseos e tomar un aperitivo para coller forzas e continuar coa súa andaina. Tralo receso, volveron iniciar a ruta na que o valor patrimonial do ecosistema amiense alcanzou o seu máximo expoñente. Así, os camiñantes puideron adquirir coñecementos vinculados á interpretación do conxunto arquitectónico da Igrexa de Bugallido, a formación e características do Val da Maía e do río Sar, a importancia das carballeiras e carballos e, tamén, das brañas da Devesa como ecosistemas para a conservación da diversidade biolóxica, así como, a relevancia da gándara de Bertamiráns "Espazo rede Natura 2000".
Arredor das 14:00 horas, os camiñantes remataron a súa I Andaina pola senda verde na Praza do Concello de Bertamiráns. Doce intensos quilómetros nos que gozaron de coñecementos vinculados co medio e co valor patrimonial e turístico desta paisaxe amiense e, a súa vez, fixeron deporte. Aire puro, deporte, boa compaña e aprendizaxe nesta xornada de domingo para a veciñanza do Concello de Ames.

Ás dez da mañá, a paso lixeiro, os camiñantes iniciaron o seu percorrido dende o parque infantil de Ventín onde contaron cunha breve explicación do que se ían atopar durante a senda. Antes de emprender camiño os participantes recibiron unha guía sobre as aves do Val da Maía e un folleto sobre a senda verde de Ames.
Durante a primeira parte da ruta, os e as participantes tamén comezaron a súa andaina formativa coa explicación de diversas temáticas. Pequenas paradas para destacar aspectos ambientais relevantes para Ames e, en xeral, para a comunidade galega, marcaron o inicio da senda. A Lei de prevención de incendios e as obrigas autonómicas, locais e dos particulares en canto á política forestal, á observación de bos exemplos de xestión sostible do monte, ao paso por "O Compostelán" (primeira liña ferroviaria de Galicia entre Cornes e Carril) e á importancia dos cultivos de millo e pataca, así como das toxeiras, xesteiras e plantas ruderais no ecosistema galego, marcaron os primeiros pasos dos camiñantes.

"Camiñante non hai camiño, faise camiño ao andar". Este foi o lema seguido polos participantes na primeira andaina pola senda verde de Ames que con entusiasmo entraron na interesante paisaxe amiense. Paso a paso, os e as asistentes observaron con atención os diversos recursos naturais dos que dispón este camiño que une O Milladoiro e Bertamiráns e coñeceron máis de cerca, grazas ás técnicas do Concello, o incrible valor ambiental da zona. Unha senda formativa na que aprenderon numerosos coñecementos relacionados con cultivos, política de prevención de incendios e xestión sostible do monte, entre outros.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "Preto de 60 persoas participaron na I Andaina pola senda verde de Ames"




