[09-04-2011] Un total de 57 alumnos/as de 4º de primaria do CEP de Ventín visitaron este venres a nova sede da Aula da Natureza para coñecer as súas instalacións, así como para visitar a exposición "O ecosistema fluvial". Esta actividade enmárcase dentro do programa "Coñece a túa Aula". A mostra foi cedida pola estación de hidrobioloxía Encoro do Con da Universidade de Santiago de Compostela. Os nenos e nenas foron recibidos pola concelleira de Medio Ambiente, Úrsula Seijas. A coordinadora da aula foilles ensinando as dependencias da Aula da Natureza e explicando os diversos aspectos que se poden ver na devandita exposición, como son as características da flora e fauna do ecosistema fluvial. O Concello de Ames busca promover a educación ambiental dos nenos e nenas amienses por medio de iniciativas deste tipo.
A Aula da Natureza está aproveitando o seu novo espazo físico, inaugurado o pasado día 20 de marzo, para levar a cabo unha serie de actividades propias coas que dar a coñecer entre os máis novos do concello tanto a propia aula como diversos elementos da natureza. Así, dende o departamento de Medio Ambiente púxose en marcha un programa de actividades denominado "Coñece a túa Aula".
Esta actividade comezou coa visita do alumnado do curso de 4º de primaria do CEP de Ventín, que coñeceu as instalación do Aula da Natureza e visitou a exposición "O ecosistema fluvial". A Aula e o seu contorno están pensados coma unha ferramenta didáctica onde poder apreciar cuestións básicas sobre enerxías renovables, adecuación ao paisaxe, reutilización de augas grises, etc.
A coordinadora da Aula da Natureza foi a encargada de guiar aos pequenos polo novo edificio e pola exposición, amosándolles a variedade de fauna e flora que existe nos ríos. Ademais ensinoulles os problemas ambientais derivados da contaminación destes fráxiles ecosistemas e a técnica de estudo destes pola que se vai coñecendo e analizando a situación dos ríos. A exposición foi cedida pola estación de hidrobioloxía Encoro do Con da Universidade de Santiago de Compostela.
Os nenos e nenas puideron, grazas á visita, coñecer a recentemente inaugurada sede física da Aula da Natureza, ademais de visitar o conxunto da mostra. O alumnado de 4º de primaria descubriu os distintos elementos de bioconstrución presentes na Aula e no contorno desta, o sistema de depuración por macrófitas en suspensión, e a importancia da conservación das sementes de especies autóctonas do concello e de Galicia.




