Pestanas principais

Preto de 5.000 usuarios acudiron ao Punto Limpo de Ames durante o 2014

Luns, 16 de marzo de 2015

[16-03-2015] O centro de depósito de residuos do Punto Limpo de Ames, situado no polígono do Milladoiro, rexistrou durante o ano pasado un total de 4.992 entradas. Os datos amosan que o compromiso da veciñanza co medio ambiente vai en aumento, pois superouse a cifra dos 4.694 usuarios no 2013 e os 4.520 no 2012.

Os veciños de Ames acudiron ao Punto Limpo en 2014 para depositar todo tipo de residuos, favorecendo a súa mellor valorización e evitando o seu depósito incontrolado. Os meses con maior número de entradas foron setembro, agosto e xullo con 518, 474 e 459, respectivamente.  

En decembro, os veciños entregaron preto de 3.000 quilogramos de equipos electrónicos, envases baleiros contaminados, pneumáticos, baterías e pilas. Tamén depositaron 96 unidades de tubos fluorescentes e outras lámpadas e 6 unidades de aerosois.

Ademais, no último mes do ano, o Punto Limpo de Ames recolleu 6 metros cúbicos de roupa, 9 de papel e outros 30 de voluminosos como colchóns, sofás e escumas. Xuntáronse 110 metros cúbicos de plásticos, metais ou madeira e entullos procedentes de obras menores, 312 litros de aceites vexetais e 15 de aceite de motor.  

Horarios e teléfono de contacto
O Punto Limpo está situado na rúa das Hedras no polígono Novo Milladoiro e ata alí poden achegarse todos os veciños para desfacerse de aqueles obxectos e materiais que non van aos colectores convencionais de materiais orgánicos, inorgánicos, vidro ou papel.

O centro está aberto de luns a venres de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 18:00 horas e os sábados de 9:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas. As persoas que teñan calquera dúbida poden chamar ao teléfono 981 536 688. Para a recollida de voluminosos a domicilio, os cidadáns teñen que chamar ao número de teléfono 981 19 12 40.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "El punto limpio de Milladoiro cerró el 2014 con casi cinco mil usuarios"