Pestanas principais

Preto de 500 rapaces e rapazas preinscribíronse nos campamentos de verán ofertados polo Concello de Ames

Martes, 10 de maio de 2016

[10-05-2016] Este martes, 10 de maio, saen publicadas as listas definitivas de admitidos/as nos campamentos municipais de verán 2016. Estas listas pódense consultar na sección de avisos da web municipal, na entrada da Casa do Concello e nas Oficinas xerais do Milladoiro. De seguido, dende o vindeiro luns, 16 de maio, ábrese o período para formalizar a matricula no campamento ao que cada rapaz/a vai acudir durante os meses de xuño, xullo ou setembro. Houbo que incrementar algo máis de 25 prazas para poder dar cabida a todas as solicitudes de preinscrición realizadas e efectuar varios cambios nos campamentos ofertados para adaptar as prazas ás necesidades dos participantes.

O alcalde de Ames, José Miñones, destaca que o Concello de Ames aposta claramente pola programación de campamentos municipais de verán, porque son unha alternativa clara de ocio e vacacións para moitos nenos e nenas do municipio. “Este ano tivemos que incrementar as prazas ofertadas inicialmente para dar cabida a todas as solicitudes de preinscrición feitas. Ademais, houbo que realizar varios cambios nos campamentos ofertados para adaptar as prazas ás necesidades dos participantes”, explica o rexedor municipal.

Unha vez finalizado o prazo de preinscrición, publicáronse as listas provisionais de admitidos/as. Este martes, 10 de maio, publícanse as listas definitivas de admitidos/as. Estas listas están colgadas na sección de avisos da web municipal, na entrada da Casa do Concello, en Bertamiráns, e nas Oficinas xerais do Milladoiro. Posteriormente, entre o 16 e o 28 de maio, todos os/as preinscritos/as deben facer efectiva a súa matrícula nos campamentos de verán seleccionados, cubrindo o impreso a tal efecto e axuntando a documentación que se solicita nas bases dos campamentos.

Este ano preto de 500 rapaces e rapazas preinscribíronse nos campamentos ofertados polo Concello de Ames. Na granxa escola Fervenzas do Toxa (Silleda) preinscribíronse 23 nenos/as de 4º e 5º de infantil, cubríndose máis do 50% das prazas ofertadas, e 39 rapaces e rapazas de 6º de infantil, das 40 prazas ofertadas. Nos campamentos de Barreiros I e II das 100 prazas dispoñibles ocupáronse un total de 85. No campamento de Galipark Multiaventura houbo 93 inscritos/as de 100 ofertadas.

Por outra banda, no campamento do parque natural do Xurés houbo que incrementar en 20 prazas as ofertadas inicialmente, xa que non eran suficientes para dar cabida a todos os participantes empadroados preinscritos, que teñen prioridade nas bases dos campamentos. Inicialmente había 50 prazas, pero aumentáronse 20 máis chegando ás 70. Aínda así, ao haber 77 preincricións, mañá 11 de maio, ás 13:30h, realizarase un sorteo das restantes 7 prazas, para elaborar unha lista de agarda e coñecer a orde de entrada en caso de que se produzan baixas no período de matrícula.

No campamento xuvenil das Fragas do Eume inscribíronse 34 persoas, mentres que no campamento de aventuras DiverLanhoso apuntáronse 37 rapaces e rapazas. Neste caso tamén houbo que incrementar as prazas ata 37, xa que inicialmente ofertábanse 30. Ademais, este ano o campamento urbano que se desenvolve nas instalacións da Aula da Natureza durante o mes de xullo contará con 30 rapaces e rapazas.

Campamentos no mes de setembro
O campamento do Grove non reuniu o mínimo de prazas esixido, que estaba fixado en 20, para levar a cabo a actividade. Debido a iso, déuselle a opción ás persoas inscritas de cambiarse a outro campamento que se desenvolvera tamén no mes de setembro. A metade dos preinscritos neste campamento cambiáronse á Granxa Escola Kirico, que se desenvolve nunhas datas similares e ten o mesmo custe. Deste xeito, no campamento da granxa escola Kirico participaran 62 persoas. Inicialmente había 60 prazas, pero neste campamento xuntouse á metade dos preinscritos no campamento do Grove (de 1º e 2º de ESO) cos preinscritos neste campamento (de 1º a 6º de primaria), para facer un único campamento integrado en setembro.

Este ano, respecto a edicións anteriores, o Concello de Ames ampliou o número de prazas para os campamentos municipais de verán chegando a ofertar un total de 545, pero aínda así, a boa acollida que tivo esta iniciativa provocou que nalgúns casos foran insuficientes, tendo que incrementar en algo máis de 25 as prazas existentes, para poder dar cabida a todas as solicitudes de preinscrición, e efectuar os cambios xa mencionados para adaptar as prazas ás necesidades dos participantes (ampliar os campamentos do Xurés e DiverLanhoso, agrupar os campamentos do Grove e Kirico, etc.).

Para ampliar calquera outra información sobre os campamentos dirixidos ao alumnado de infantil e primaria, así como do campamento urbano poden chamar ao número 660 004 665 ou enviar un correo electrónico ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal. Para solicitar información sobre os campamentos dirixidos ao alumnado de secundaria e bacharelato deben chamar ao número 616 083 229 ou enviar un correo electrónico ao enderezo omix@concellodeames.gal


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "El Concello incrementa la oferta de plazas de los campamentos al superar las 500 solicitudes"