Pestanas principais

Preto de 500 rapaces e rapazas de Ames participaron na campaña "Ponlle as pilas ao teu bocata"

Venres, 14 de agosto de 2015

[14-08-2015] Os 109 nenos e nenas que actualmente son usuarios/as da Escola de Verán de Bertamiráns e do Milladoiro participaron esta mañá na campaña "Ponlle as pilas ao teu bocata", que está xestionada pola Consellería do Medio Rural e do Mar da Xunta de Galicia, en colaboración coas Consellerías de Educación e Sanidade e a agrupación empresarial ANFACO-CECOPESCA. Esta campaña pretende achegarlle aos nenos e nenas toda a información relacionada cos produtos do mar, coas conservas e coa correcta alimentación. O concelleiro de Educación, David Santomil, tamén se achegou ata o CEIP A Maía para participar nesta iniciativa.

Co obxectivo de promover os beneficios dunha dieta equilibrada entre os escolares e ao mesmo tempo dar a coñecer as múltiples virtudes e beneficios das conservas de produtos do mar, a Consellería do Medio Rural e do Mar, en colaboración coas Consellerías de Educación e Sanidade e a agrupación empresarial ANFACO-CECOPESCA, puxeron en marcha unha nova edición da campaña Ponlle as pilas ao teu bocata.

Esta campaña fixo hoxe parada no concello de Ames. Os nenos e nenas que participan na Escola de Verán, tanto no Milladoiro coma en Bertamiráns, puideron coñecer máis polo miúdo a importancia nutritiva dos produtos do mar, o proceso de elaboración das conservas e as especias que se empregan na súa elaboración. Primeiro participaron nesta campaña os usuarios/as da Escola de Verán do Milladoiro. De seguido, tocoulle a quenda aos rapaces e rapazas de Bertamiráns.

A través desta iniciativa os nenos e nenas participaron nun obradoiro lúdico no que realizaron actividades informativas, diferentes xogos, e por último, elaboraron bocadillos a base de produtos do mar en conserva (atún en aceite, mexillóns en escabeche ou sardiñas) acompañado tamén con produtos frescos (leituga, tomate, cenoria...).

Obxectivos da campaña
O concelleiro de Educación, David Santomil, explica que “a través desta campaña inténtase que os rapaces e rapazas adquirirán hábitos de alimentación axeitados e espertar o seu interese polo medio mariño e as súas especies. Ademais, preténdese que coñezan os beneficios das conservas de produtos do mar e potenciar o consumo de produtos do mar en conserva entre os nenos/as. Outros obxectivos desta iniciativa son que os rapaces e rapazas coñezan a procedencia dos produtos do mar en conserva e a súa clasificación, así como a transformación dunha materia prima nun alimento elaborado”.

Dende o ano 2011 esta campaña desenvolveuse en Ames en catro ocasións diferentes acudindo á Escola de Verán ou ao Setembro Lúdico. En total participaron nesta campaña 494 nenos e nenas de Ames.