Pestanas principais

Preto de 500 persoas participaron na festa dos maiores

Martes, 05 de xullo de 2022

Arredor de medio millar de persoas participaron o sábado pasado na festa dos maiores que se celebrou no pavillón municipal de Bertamiráns. O Concello de Ames recuperou esta tradicional festa para darlle aos maiores de 65 anos unha oportunidade para xuntarse, socializar e desfrutar dunha xornada festiva. Houbo xantar, moito humor co cómico Isi e música a cargo do dúo Eva e Camilo. O xantar foi gratis e contouse cun servizo de autobús polas parroquias para acudir á festa e volver para casa. Ademais sorteáronse vales de compra para gastar no comercio amesán, cedidos por XEA. Unha boa parte da Corporación municipal encabezada polo alcalde, Blas García, participou na festa.

O Concello de Ames recuperou a tradicional festa dos maiores que se celebrou o pasado sábado, 2 de xullo, no pavillón municipal de Bertamiráns. A festa, á que asistiron arredor de 470 persoas, deu comezo ás 14:00 horas cun xantar. O menú estivo formado por varios entrantes: táboa de embutidos ibéricos, empanada e polbo; o prato principal foi carne ao caldeiro; e a sobremesa larpeira.

Trala comida houbo moita diversión a cargo do cómico Isi. O humorista levou á festa dos maiores anécdotas reais contadas dun xeito esaxerado, próximo e distendido capaces de chegar a todos os públicos. A nota musical púxoa o dúo Eva e Camilo que amenizaron a festa dos maiores coa súa música de sempre. Uns clásicos coñecidos por todos e todas que fixeron bailar e cantar a todos/as os/as nosos/as maiores.

Ademais, trala comida fíxose un sorteo de agasallos, en colaboración coa asociación Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA). Deste xeito, sorteáronse varios vales de compras para gastar no comercio de Ames. O Concello de Ames recuperou esta tradicional festa co obxectivo de xuntar ás persoas maiores de 65 anos, logo de dous anos de pandemia, para darlles unha oportunidade para xuntarse, socializar ao mesmo tempo que desfrutan dunha xornada festiva.

Unha boa parte da Corporación municipal encabezada polo alcalde, Blas García, tamén participou na festa. Deste xeito, asistiron a concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo; a concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero; o concelleiro de Urbanismo e Administración Xeral, Víctor Fernández; a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz; a concelleira de Deportes, Susana Señorís; o concelleiro de Transición Ecolóxica e Medio Ambiente, Manuel Lens; a concelleira de Mobilidade, Beatriz Martínez; o concelleiro do Rural e Participación Cidadá, Santiago Márquez, as/os concelleiras/os do Partido Popular de Ames, Oliva Agra, Pablo Beiroa e María Belén Castro, así como o concelleiro de Ciudadanos, José Ramón Oulego.     

O alcalde, Blas García, agradeceu “a participación dos nosos maiores a este evento que foi todo un éxito” e mostrou a sua satisfacción “por poder ofrece dende o Concello á nosa xente maior un día de desfrute, que tan merecido é, despois dos dous anos da pandemia da Covid”. Así mesmo destacou que o Concello continuará organizando este evento en futuras edicións.

Ademais, o rexedor municipal dixo “recuperouse unha actividade que neste formato non se celebraba en Ames dende hai 20 anos, pero que era necesaria para que as persoas maiores de Ames puidesen xuntarse, divertirse, falar… e pasar un rato agradable, porque ben merecido o teñen despois duns anos de falta de relación social e de vivir moitos meses de medo, prevención e nalgúns casos soidade. Case 500 persoas asistiron a esta festa no pavillón de Bertamiráns, e compartimos mesa, conversas e ata algún baile”.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Multitudinarias fiestas de mayores en Ames y Tordoia"

El Correo Gallego: "A festa dos maiores logra congregar a 470 persoas"

AMSGO!: "A Festa dos Maiores volveu a Ames con forza logo de dous anos de pandemia"

Preto de 500 persoas participaron na festa dos maiores

Multimedia

  • Preto de 500 persoas participaron na festa dos maiores
  • Preto de 500 persoas participaron na festa dos maiores
  • Preto de 500 persoas participaron na festa dos maiores
  • Preto de 500 persoas participaron na festa dos maiores
  • Preto de 500 persoas participaron na festa dos maiores