[30-05-2013] Este domingo, 2 de xuño, o pavillón polideportivo do Milladoiro acolle a cuarta edición do Encontro de bolillos e labores artesanais, que organiza a Asociación Cultural A Silva en colaboración co Concello de Ames e a Deputación da Coruña. O encontro comezará ás 10:00 horas e nel todas as persoas amantes deste tipo labores artesanais e tradicionais terán a oportunidade de intercambiar coñecementos e mostrar as súas creacións. Esta actividade está aberta ao público en xeral, a grupos de palilleiras e a asociacións. Neste momento hai 450 persoas inscritas para participar no evento. Ademais, está confirmada a asistencia de Montse Betanzos, artesana colareira do Grove, que mostrará o seu traballo.
O cuarto encontro de palillos e labores artesanais reunirá a todas aquelas persoas que gozan realizando labores artesanais de todo tipo. O obxectivo principal desta xuntanza é o intercambio de aprendizaxes e a transmisión e divulgación de temas relacionados co encaixe de palillos e todo tipo de labores artesanais. Os asistentes poderán achegar as súas creacións para que todas as persoas que están interesadas neste labor artesanal poidan aprender as diferentes técnicas de elaboración.
A programación do encontro comezará ás 10:00 horas coa recepción de todos/as os/as participantes. A partir das 10:30 e ata as 14:00 horas desenvolverase a primeira parte deste encontro. Pola mañá haberá un obradoiro denominado “Mesturando novidades” e celebrarase en dúas quendas: ás 11:00 h e ás 12:30 horas. A duración será de 45 a 60 minutos e o máximo de alumnos é de 6 persoas por grupo. O custo para esta actividade será de 15 euros. Ao mediodía farase un descanso de dúas horas para comer. O encontro retomarase a partir das 16:00 ata as 19:00 horas. Ás 18:00 h da tarde realizarase a entrega de diplomas a todas as asociacións participantes neste encontro.
Mostra dunha colareira do Grove
Ademais, este ano como novidade contarase coa presenza de Montse Betanzos, artesana colareira do Grove, que mostrará o seu traballo ao longo de toda a xornada. Montse Betanzos disporá dun posto no que mostrará os produtos que realiza con cunchas (colares, pendentes, etc.). Esta artesana do Grove estará traballando no seu posto e as persoas que o desexen poderán coñecer como enfía as cunchas para facer os seus produtos.
Ao final deste encontro os/as participantes inscritos obterán un obsequio e poderán participar, ao longo do día, no sorteo de diversos agasallos. Os preto de 500 asistentes confirmados virán de todas partes de Galicia, pero este encontro estará aberto ao público en xeral que desexe achegarse ata o pavillón do Milladoiro.
En definitiva, o cuarto encontro de palillos e labores artesanais é unha boa oportunidade para aprender e mellorar as técnicas relacionadas coa agulla, desenvolver capacidades artísticas e culturais, xestionar o intercambio cultural con outras asociacións e sobre todo unha boa ocasión para salvagardar as tradicións e oficios tradicionais. Para obter máis información poden chamar aos números de teléfono 607 769 830 ou 881 972 586. Tamén poden enviar un correo electrónico ao enderezo asociacionasilva@gmail.com





