- Tematica
O Motoclub Ameixenda e o Concello de Ames organizan este sábado, 28 de xuño, unha das probas de supercross da Galicia League. O Gran premio Concello de Ames é un evento deportivo a nivel autonómico, non oficial, non federado, de acordo coa actual normativa galega do deporte. Nesta proba que se desenvolverá no circuíto SX Alex de Moure, situado no lugar do Vilar na parroquia da Ameixenda, participarán os mellores pilotos de supercross de toda Galicia. Na actualidade hai inscritos 46 pilotos, pero podería participar algún máis. Entre os pilotos participantes destaca a presenza de Jorge Paradelo García.
O Motoclub Ameixenda volve a carga cunha nova edición do Gran premio Concello de Ames de supercross. Trátase dun evento deportivo a nivel autonómico, non oficial e non federado, de acordo a lei 3/2012, de 2 de abril, do deporte de Galicia. A través desta proba trátase de potenciar o deporte de base na modalidade do supercross e motocross.
Na actualidade Galicia é unha potencia a nivel mundial neste deporte con figuras tan relevantes como Jorge Prado e Rubén Fernández. Jorge Prado compite no Campionato AMA de Supercross dos Estados Unidos, nas filas do equipo Monster Energy Kawasaki. Gañou catro veces o Campionato Mundial de Motocross, dúas delas na categoría raíña, MXGP, (2023 e 2024), e dúas en MX2 (2018 e 2019). Ademais, Rubén Fernández compite no Campionato Mundial de Motocross, na categoría raíña, MXGP. Fernández vén de acadar o segundo posto na segunda carreira do MXGP de Gran Bretaña, que se disputou a pasada fin de semana, e está cuarto na clasificación xeral do campionato mundial.
Dende o Motoclub Ameixenda indican que para que pilotos como Jorge Prado e Rubén Fernández cheguen a disputar o campionato do mundo teñen que organizarse probas como a de Ames que serven para que rapaces e rapazas se inicien neste deporte.
Categorías e horarios
Esta proba, que se desenvolverá no circuíto SX Alex de Moure, na parroquia da Ameixenda, forma parte dun campionato de supercross e motocross a nivel autonómico, denominado “Galicia League Crono Racing”, no que participan os mellores pilotos de supercross de toda Galicia. O Gran premio Concello de Ames de supercross 2025 está organizado polo Motoclub Ameixenda o o Concello de Ames.
Os/as participantes que se inscriban estarán divididos/as en diferentes categorías: SX Pro, SX Adulto (elite e amateur por tempos), féminas, 85cc, 65cc, 50cc +6 anos, e 50cc -6 anos. Estímase que participen arredor de 50 pilotos entre os que destaca a presenza de Jorge Paradelo García. Na actualidade hai inscritos 46 pilotos, pero podería participar algún máis.
Pola mañá desenvolveranse as verificacións técnicas e administrativas. De seguido, os pilotos participarán nos adestramentos libres e de clasificación. Ás 17:00 horas, dará comezo a proba que se compón de dúas mangas por categoría. Ao remate da proba realizarase a entrega de trofeos.
Novidades no circuíto SX Alex de Moure
O circuíto SX Alex de Moure dispón dunha pista de 680 metros e diferentes saltos: mesetas, dobres, etc. Para esta edición do Gran premio Concello de Ames de supercross realizáronse varias melloras no circuíto. O trazo dispón de máis ancho e conta cun novo salto. Ademais, este ano aplicouse un novo material máis arxiloso en toda a pista o que permite que teña maior resistencia á humidade.
Este recinto de máis de 19.000 metros cadrados conta cun amplo aparcadoiro gratuíto, situado a escasos metros da pista de competición, e cunhas condicións óptimas tanto para a práctica do deporte como para contemplación desta modalidade deportiva.
Novas relacionadas:
Diario de Santiago: "Preto de 50 pilotos participarán este sábado, 28 de xuño, no Gran premio Concello de Ames de supercross 2025"






