[10-05-2011] Traxe de neopreno, chaleco protector, casco e moitas gañas de pasalo ben. 47 veciños e veciñas de Ames gozaron esta fin de semana da xornada de rafting que, organizada pola concellaría de Mocidade a través da OMIX, se desenvolveu no rio Ulla o pasado sábado 7 de maio. Os amesáns partiron de Ponte Sinde, en Carcacía, e chegaron a Herbón. Compre salientar a participación dalgunhas nais que quixeron acompañar aos seus fillos e fillas no descenso do rio. A Oficina Municipal de Información Xuvenil está preparando para o vindeiro trimestre novas actividades que combinan deporte e aventura e que tamén terán como escenario de fondo a auga.
Estaba previsto que nesta ocasión a xornada de rafting se desenvolvera no rio Deza. Poren a falta de choiva dos días precedentes provocou que o rio baixara con moi pouco caudal e non resultara apto para realizar as baixadas propias deste deporte de aventura. A climatoloxía pois cambiou o escenario e levou aos participantes ao rio Ulla. Partiron da Ponte Sinde en Carcacia e chegaron á parroquia padronesa de Herbón.
Para José Manuel Fernández, responsable da empresa Ames Extreme que se encarga de levar aos "aventureiros e aventureiras" ao rio, o cambio nesta ocasión favoreceu o desenvolvemento da actividade. "Neste caso -manifesta Fernández- aínda que había varios mozos e varias mozas que xa tiñan feito rafting, moitos outros e moitas outras era a primeira vez que ían practicar este deporte e o río Ulla, de todos os que temos na contorna, e o que mellor se axeita para as primeiras veces".
O rafting é un deporte de aventura que vai gañando cada vez máis adeptos entre a mocidade e que se desenvolve nunha canle fluvial, o que permite combinar deporte de aventura co contacto coa natureza. As persoas que realizan este deporte descenden o río nunha embarcación seguindo a corrente do mesmo procurando manterse en todo momento a flote e evitando saírse do río. Compre salientar que a xornada de rafting do pasado sábado rematou tamén por converterse nunha xornada de convivencia familiar posto que algúns mozos e mozas baixaron o rio acompañados das súas nais.
Os mozos e mozas que participan desta actividade deben ter máis de 14 anos e saber nadar. Ademais tamén se ten que estar censado ou censada no Concello de Ames. Débese levar roupa cómoda, traxe de baño, toalla e calzado deportivo, para deste xeito poder mollarse no transcurso da baixada ao río sen problemas. O resto do equipo necesario para realizar a actividade -casco, chaleco, embarcación- é subministrado pola empresa.
O rafting é unha das múltiples actividades de deporte de aventura que organiza a Concellaría de Mocidade. O departamento pretende ofertar aos mozos e mozas do Concello a posibilidade de divertirse en contornos naturais, gozando da auga, da paisaxe. Ademais este tipo de actividades contan cunha alta dose de aventura na que se fai necesario a colaboración entre os participantes para, entre todos, lograr realizar o descenso do tramo sobre a corrente do rio. Deste xeito trabállanse tamén as relacións, a colaboración e o traballo en equipo. A concellaría de Mocidade, a través da OMIX, está preparando xa unha nova actividade de deporte de aventura para o vindeiro trimestre. A actividade terá tamén como escenario principal a auga.
A nova noutros medios dixitais:
Contido relacionado
El Correo Gallego: "El rafting por el Ulla atrajo a cerca de 50 amienses"
El Correo Gallego: "El rafting por el Ulla atrajo a cerca de 50 amienses"
El Correo Gallego: "El rafting por el Ulla atrajo a cerca de 50 amienses"




