Pestanas principais

Preto de 50 familias asistiron no Milladoiro á presentación de "Teta e Coliño", o grupo de lactancia de Ames

Domingo, 03 de abril de 2011

[03-04-2011] Non foron os que máis atentos estiveron ás explicacións, pero si foron os verdadeiros protagonistas do acto. Preto de 50 bebés, acompañados dos seus papás e das súas mamás, acudiron o sábado pola tarde, na Casa da Cultura do Milladoiro, á presentación de "Teta e Coliño", o novo grupo de lactancia de Ames. No acto, no que interviron Noelia Prieto, fundadora do grupo, as matronas Diana Luque e Silvia Penedo, o pediatra Manuel Martín Morales e a pedagoga Chaterine Company, insistiuse na lactancia materna como piar fundamental no desenvolvemento físico e emocional do bebé. Asistiron á presentación o alcalde de Ames, Carlos Fernández e o concelleiro de Sanidade, José Miñones.

"Pon unha matrona na túa vida", deste xeito definía a importancia destas profesionais da saúde á hora de afrontar, non só a lactancia materna senón moitos outros aspectos relacionados coa vida das mulleres, a matrona Diana Luque. Ata hai pouco tempo, Diana desenvolvía o seu labor profesional no Centro de Saúde do Milladoiro. O seu apoio e os seus consellos ás nais lactantes foi decisivo á hora da creación de Teta e Coliño. No acto do sábado Diana fixo unha homenaxe aos roles da muller, centrándose na "muller mamífera que amamanta e cría de xeito natural", convidou a todas as nais a lactar polos "extraordinarios beneficios que a lactancia reporta non só ao bebé, senón tamén á nai" e insistiu na "necesidade de que se creen esas cadeas altruistas de mulleres que coa súa experiencia axudan a outras mulleres".

Interviu despois o pediatra Manuel Martín Morales quen declarou que "as mulleres que xa pasaron por isto son as que mellor apoio e consello poden dar ás mulleres que van afrontar a lactancia materna". Martín Morales agasallou ao novo grupo cun libro da Asociación Española de Pediatría no que participou e contestou ás preguntas que lle fixeron algúns pais sobre a introdución da alimentación complemetaria e as horas de soño diurno do bebé: "Debe respestarse o soño dos bebés que é moi distinto o soño dos adultos, eles durmen aos pouquiños, pasan do soño profundo á fase de alerta rapidamente. Hai que guiarse polo instinto e o sentido común. No canto da alimentación complementaria, as pautas serían facelo pouco a pouco, un alimento novo á semana para poder detectar alerxias ou intolerancias e no primeiro ano de vida dar sempre primeiro o peito e logo o resto dos alimentos ", manifestou o pediatra.

A fundadora de "Teta e coliño", Noelia Prieto, falou dos grupos de apoio á lactancia e da axuda mutua entre nais: "Xuntámonos para apoiarnos as unhas ás outras, para intercambiar información e experiencia, para poder realizar talleres relacionados coa lactancia e coa crianza. Necesitamos os grupos para compensar os múltiples problemas e a falta de apoio que temos cando decidimos dar peito". Noelia convidou a "todas as nais con lactancia feliz, as nais que buscan axuda porque teñen problemas, as nais que fracasaron e que poden falar da súa experiencia e aprender para veces sucesivas, ás matronas, pediatras, enfermeiras, aos papás e as familias enteiras" a formar parte de "Teta e Coliño" e a aportar todas aquelas suxestións que se lles ocorreran para o bo desenvolvemento do grupo. Anuciou ademais a fundadora de "Teta e Coliño" que a Asociación estaba preparando talleres sobre a importancia do pai na lactancia materna, os portabebés, a alimentación complementaria, o soño infantil e un taller de habilidades básicas de lactancia. O primeiro destes obradoiros terá lugar o 12 de abril e versará sobre a extración e conservación do leite.

Silvia Penedo, matrona e enfermeira, informou despois sobre cuestións referidas ás novas tecnoloxías, facendo un percorrido por diversas páxinas nas que se pode atopar información sobre cuestións relacionadas coa crianza sá. "Como guía para calquera persoa interesada diría que para obter unha boa información pode partirse de todas aquelas páxinas que veñan recomendadas pola Organización Mundial da Saúde", manifestou Silvia quen informou sobre as páxinas onde se atopa información dos distintos grupos de lactancia que hai en España, deténdose especialmente na web do novo grupo de lactancia de Ames www.tetaecolo.blogspot.com.

Chaterine Company, pedagoga e responsable a empresa "Gaia dos nenos", especializada en artículos de porteo e colecho, fixo unha completa exposición sobre "Os piares da crianza con apego: lactancia, porteo e colecho". Chaterine insistiu en que "a crianza con apego enfatiza o compromiso dos pais cos fillos, incrementa a confianza e fai medrar o respecto mutuo". Insistiu en que deste xeito "aos nenos non se lles da o que queren, dáselle o que necesitan: atención e apego". Lembrou que o pranto é o único xeito de comunicar unha necesidade que un neno ten ata que fala e salientou os beneficios do contacto físico permanente a través do colecho e do porteo "ter o bebé cerca de día e de noite disminue a depresión post-parto, promove o vínculo nai-fillo-pai, estimula e facilita a lactancia, axuda na regulación cardiovascular, respiratoria e térmica, protexe ao lactante fronte o síndrome de morte súbita, favorece a conciliación das horas de soño tanto do neno como da nai e axuda a seguridade emocional". Chaterine Company fixo ademais demostracións de como se deben colocar os distintos tipos de porteos: fulares, mochilas ergonómicas, bandoleiras e mei-tais, a todas as mamás que llo solicitaron.

Ao acto, que se prolongou por espazo e case tres horas, acudiron o alcalde de Ames Carlos Fernández e o concelleiro de Sanidade José Miñones que departiron amplamente coas familias asistentes. Ambolos dous están dacordo en que "é impresindible, e máis nun concello como o noso que nace mínimo un neno ao día, celebrar e apoiar en todo o posible este tipo de iniciativas".

O grupo "Teta e coliño" reúnese desde hai cinco semanas nun aula do edificio de Servizos Múltiples do Milladoiro. Entre os obxectivos destas xuntanzas están tamén o de defender o dereito de todas as mulleres a dar peito desde o nacemento do seu fillo e durante tanto tempo como o desexen, mesmo no caso de hospitalización, e a divulgación da lactancia materna entre nais, pais, profesionais da saúde e do ensino. Tamén pretende "Teta e coliño" informar sobre os dereitos laborais relacionados coa lactancia, permisos maternais e redución de xornada, sobre a conciliación da vida laboral e familiar nese periodo e sobre o papel do resto dos familiares no proceso da crianza.

Ademais o grupo proporcionará un servizo de préstamo de libros relacionados coa lactancia e a crianza responsable. Neste sentido, o alcalde de Ames, Carlos Fernández, ao remate do acto manifestoulle ás organizadoras que poñía a disposición de "Teta e Coliño" as dependencias da Biblioteca Municipal para que poideran ter ubicados os seus fondos bibliográficos.

"Teta e coliño" está preparando a curto prazo un obradoiro de masaxe infantil, un concurso de fotografía que levará por título "Lactancia en Ames" e diversas charlas sobre a lactancia materna e a crianza respectuosa, entre as que figurarán: "Habilidades básicas na lactancia materna", "O papel do pai no bebé amamantado", "A importancia do apego" e "A conciliación entre lactancia e traballo".

O grupo atende consultas telefónicas e a través de enderezo electrónico, ofrece a posibilidade de facer visitas a domicilio e presta libros e sacaleites. As familias interesadas en poñerse en contacto ou formar parte de "Teta e coliño" poden facelo a través do enderezo electrónico tetaecolo@hotmail.com ou visitar a súa páxina web www.tetaecolo.blogspot.com.