Pestanas principais

Preto de 50 equipos participaron no VII Torneo de fútbol base, Ames Cup, durante a Semana Santa

Martes, 03 de abril de 2018

[03-04-2018] O campo municipal de Bertamiráns acolleu esta Semana Santa a celebración da VII Ames Cup nas categorías benxamín e alevín. Arredor de 700 rapaces e rapazas, pertencentes aos 48 equipos inscritos, déronse cita en Ames para participar neste torneo de fútbol base, que se desenvolveu entre o xoves 29 e o sábado 31 de abril. O equipo “A” do Bertamiráns FC gañou a copa na categoría benxamín, mentres que o Outes CF conseguiu o título na categoría alevín. A competición da categoría prebenxamín, que se ía disputar o venres 30 suspendeuse debido as inclemencias meteorolóxicas. A pesar da choiva e do mal tempo houbo unha grande afluencia de público. Ademais, entregáronse trofeos aos mellores xogadores de cada categoría.

Na mañá do xoves 29 de marzo disputouse a competición da categoría benxamín na que participaron 24 equipos. Pola mañá tiveron lugar os encontros da fase de grupo, seguida xa pola tarde dos partidos da fase eliminatoria. Os xogadores locais do equipo “A” do Bertamiráns FC venceron na final aos rapaces e rapazas do Club Atlético Fátima “A”. O encontro rematou co resultado de 3-3, pero na quenda de penaltis impúxose o Bertamiráns FC “A” logrando así o título. A final de consolación disputárona o Oza Xuvenil e mailo Bertamiráns FC “C” gañando por 2-0 o equipo coruñés.

A organización decidiu que o equipo ideal da categoría benxamín era o formado por Lois Martínez, do Bertamiráns FC “A”, no posto de porteiro; Ignacio Ribas “Nacho”, tamén do Bertamiráns FC “A”, como mellor defensa; Mario Vidal, do Atlético Fátima “A”, mellor mediocentro; Alejandro Fernández, do Amio SD, e Daniel Couselo, do Atlético Fátima “A”, como mellores extremos; e Rubén Rama, do Bertamiráns FC “A”, e Brais Lago do Outes CF, como mellores dianteiros. Asemade, José Ángel Rey “Josecho” foi nomeado como o mellor xogador da categoría benxamín e levou o premio especial Adrián Amboage.

Por outra banda, o torneo da categoría alevín disputouse o sábado 31 de marzo ao longo de todo o día. Nesta categoría tamén participaron 24 equipos. Ao igual que na competición de benxamíns, pola mañá xogáronse os encontros da fase de grupo e pola tarde disputáronse os partidos da fase eliminatoria. Na final da copa, o Outes CF impúxose ao Ulla CF polo resultado de 1-0. A final de consolación disputárona o Bertamiráns FC “B” e mailo EF Boqueixón, gañando por 2-1 o equipo de Ames.

Neste caso, os oito rapaces que formaron o equipo ideal foron o porteiro do Outes CF, Lois Abelleira; os defensas Daniel Lorenzo, do Ulla CF, e Sergio Campos, do Outes CF; os mediocampistas Jesús Torres, do Bertamiráns “B”, e Roi Lortes, da SD Compostela; os extremos Diego Vázquez, do Bertamiráns “B”, e Mateo Somoza, do Ulla CF; e mailo dianteiro Tirso Leis, do Outes CF, que foi escollido como o mellor xogador da categoría alevín e levou o premio especial Adrián Amboage.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "La cantera del fútbol gallego luce calidad e ilusión en los torneos de Semana Santa"
El Correo Gallego: "La VII Ames Cup benjamín, para el Bertamiráns A"
La Voz de Galicia: "El Bertamiráns benjamín y el Outes alevín ganaron la séptima edición de la Ames Cup"
Ames Go: "Resultados VII Ames Cup categoría Benxamín"