[01-05-2011] Unhas 50 persoas percorreron este xoves as instalacións abertas ao público da Cidade da Cultura, onde puideron visitar o Arquivo e a Biblioteca de Galicia, así como as exposicións "Peter Eisenman na Cidade da Cultura" e "Ex libris Gallaecia. Libros de Galicia", que recolle 83 elementos entre códices e manuscritos, todos eles clave para entender o proceso de construción da cultura galega. Esta excursión, programada pola Concellería de Benestar Social e Igualdade, estivo dirixida a todas as persoas que participan nas actividades da Escola Integral de Maiores, cursos de español para estranxeiros, de corte e confección ou de viticultura e aos voluntarios/as do roupeiro municipal. Os e as visitantes contaron cun guía que lles explicou as principais características do conxunto arquitectónico e os guiou polos dous edificios abertos ao público mostrándolles o seu contido e explicándolles os usos que estes van ter, así como as características técnicas e arquitectónicas que fan de cada un dos edificios unha construción particular dentro do conxunto de Eisenman. O parecer dos visitantes foi moi similar: "O conxunto aínda está por acabar, pero é impresionante".
Un total de 50 persoas -a maior parte delas das escolas de maiores de Bertamiráns e o Milladoiro- visitaron onte coa concelleira de Benestar Social e Igualdade, Isabel González, co coordinador da Oficina de Voluntariado, Rubén Ramos, e cun dos membros do Servizo de Atención ao Migrante, Leonardo Pena, a Cidade na Cultura no monte Gaiás, obra do afamado arquitecto estadounidense Peter Eisenman. Os e as visitantes contaron cun guía que lles foi explicando diversas cuestións sobre o complexo arquitectónico. Chegados alí, recibiron información das distintas tipoloxías de pedra empregadas para o acabado da cuberta dos edificios e a súa explicación teórico-estética pola que Eisenman xustificou esta variedade á hora de apostar por unha forma creativa pero ao mesmo tempo próxima á cultura arquitectónica tradicional do país. Despois pasaron a visitar as instalacións da Biblioteca e do Arquivo de Galicia.
O edificio da Biblioteca, de grandes cristaleiras, espazos abertos penetrados pola luz natural e de formas que conxugan ao tempo as liñas de fuga con elementos que modulados mediante curvas horizontais e verticais dotan ao interior dun certo senso de calmada mobilidade, acentuada pola presenza maioritaria dos tons brancos cos que a penas compiten algúns elementos de cristalería, acolle o que será a futura biblioteca que recollerá un moi amplo número de obras literarias, converténdose deste xeito en centro de indispensable visita e de referencia á hora de facerse con algún exemplar que esteamos a buscar.
O edificio que alberga o Arquivo ten un espazo supletorio ben armado que acolle a exposición "Eisenman. A Cidade" no que os e as visitantes puideron ver moi de preto as maquetas que ensinan aos curiosos como será o proxecto unha vez rematado, podendo observar o interior dos mesmos -destacando a grandeza do futuro auditorio-, así como diversos elementos a través dos que se explicaban o que Eisenman pretendía expresar con este proxecto.
Xa dentro do Arquivo, ademais de observar o edificio en si (de grande beleza polo equilibrio entre a pedra empregada para cubrilo, os tonos brancos empregados nas paredes e as cristaleiras) e o seu contido (exemplares de libros antigos alí acumulados para a súa catalogación) puideron visitar a exposición "Ex libris. Libros de Galicia" no que se recollen unha serie de textos de fundamental importancia para a comprensión do proceso de creación da cultura galega.
Así, tiveron fronte a fronte a unha revista ilustrada da cultura galega, editada en 1838 a cargo do Semanario Instrutivo. Nesta publicación, titulada "Periódico de agricultura, ciencias naturales y artes", participou como editor Núñez Castaño, home de vital importancia para a cultura do país pola introdución da litografía, sendo o grande ilustrados dos acontecementos da época do provincialismo e estando moi vinculado á Sociedade Económica e ás elites protogaleguistas. Tamén puideron ver a primeira publicación ilustrada impresa no país, en 1544, as "Constituciones sinodales del Obispado de Ourense" ou o manuscrito que recolle un manifesto fundamental para o arte de vangarda galego: o manifesto "Máis alá".
Deste xeito, os e as excursionistas tiveron a oportunidade de visitar por primeira vez este complexo cultural galego ao tempo que acceder a dúas exposicións de vital importancia para comprender o que supón a Cidade da Cultura como grande obra arquitectónica e como espazo de salvagarda dos bens culturais galegos. Unha visita que concitou entre todos e todas as persoas que acudiron unha mesma sensación: malia estar aínda por rematar, trátase dun grande complexo arquitectónico abraiante.