Pestanas principais

Preto de 4.000 usuarios aboáronse ás piscinas municipais descubertas de Ames no verán 2023

Venres, 25 de agosto de 2023

A campaña de emisión de abonos para as piscinas ao aire libre dos dous núcleos urbanos de Ames, Milladoiro e Bertamiráns, vén de rematar o pasado venres 14 de agosto. Neste período estival a Concellaría de Deportes emitiu un total de 1.553 carnés para facer uso das piscinas descubertas municipais, o que se traduce nun número aproximado de preto de 4.000 persoas usuarias ao longo do verán.

A concelleira de Deportes, Susana Señorís destaca que “o Concello de Ames traballa por ofrecer un servizo de calidade na época estival” e que “os números de usuarios avalan o noso traballo ano tras ano”.

En total tramitáronse 1.152 solicitudes de abonos familiares para toda a tempada e 401 carnés individuais. Esta cifra inclúe 260 abonos de tempada e 34 abonos mensuais para persoas adultas, ademais doutros 16 carnés dun mes e 91 de tempada para menores de 18 anos.

O prezo destes carnés, igual que na campaña anterior, variou entre os 5 e os 20 euros, dependendo da súa duración, da idade ou das persoas que inclúa. O carné familiar de tempada custou 20 euros; o individual para toda a tempada, uns 14 euros, e o abono de tempada para menores de 18 anos, 7 euros.

Imaxe de arquivo da piscina municipal de Bertamiráns