Pestanas principais

Preto de 400 persoas asistiron ao concerto de clausura da escola de música

Martes, 28 de xuño de 2011

[28-06-2011] A Escola Municipal de Música de Ames rematou o curso cun concerto no que participaron todos os alumnos e alumnas cos seus respectivos instrumentos. A Casa da Cultura do Milladoiro foi o escenario elixido para amosar o aprendido nas clases de Música e Movemento, dirixidas aos máis cativos, e as de Instrumento, Linguaxe Musical e Combo instrumental impartidas ao alumnado maior de sete anos. O auditorio rexistrou un cheo absoluto e todas as persoas asistentes quedaron moi satisfeitas co espectáculo ofrecido. O concerto tivo unha duración de algo máis de dúas horas.

O curso 2010-2011 da Escola Municipal de Música de Ames chegou á súa fin, pero, antes, todos os nenos e nenas que este ano estiveron nas aulas do IES de Ames e do CEP de Ventín recibindo clases de música tiveron a oportunidade de demostrar as súas destrezas e habilidades co instrumento que tocan. Como en anos anteriores, antes de chegar ao final do curso académico, organizouse un concerto para clausurar as actividades impartidas pola EMMA.

O concerto de clausura da Escola Municipal de Música de Ames estivo presentado por dúas alumnas de piano e linguaxe musical, Carla Caamaño e Iria Rodríguez. Durante as actuacións os nenos e nenas da escola tocaron pezas amenas e interpretaron tanto aos clásicos (Mozart ou Betoven), como os temas máis modernos de Amaral ou de películas tan coñecidas como A Guerra das Galaxias. As interpretacións caracterizáronse pola brevidade co fin de facer máis ameno o festival.

O principal obxectivo que se persegue con este concerto é que todos e cada un dos alumnos e alumnas da escola poidan poñer en práctica as destrezas que adquiriron cos seus instrumentos durante este curso. Aos nenos e nenas faille unha especial ilusión tocar diante dos seus pais e nais, pero tamén para toda a cidadanía en xeral que desexe gozar do concerto.

A actuación contou con interpretacións de alumnos/as de piano, saxofón, batería e percusión, linguaxe musical, música e movemento, violín, frauta e guitarra. O concerto comezou cunha demostración dos alumnos/as de Música e Movemento, que interpretaron "A caracola Manola" e "O Gharatiño". Seguidamente, interpretaron unha homenaxe a Nirvana e logo foi a quenda da orquestra de guitarras que interpretou "La Bamba".

O concerto continuou coas actuacións dos nenos/as de combo instrumental, piano, violín, saxofón, canto e percusión. Os cativos e cativas de linguaxe musical tamén tiveron a oportunidade de participar neste concerto e interviron coas pezas "Amé Amé", os grupos de cuarto e terceiro, e con "Eva e Adán", os grupos de terceiro e segundo.

Este concerto clausurou o curso 2010-2011 e serviu para mostrarlles ás familias do alumnado e á cidadanía en xeral o traballo que se desenvolveu durante estes oito últimos meses na EMMA. Todos os nenos e nenas que este ano asistiron a clases de música no IES de Ames e no CEIP de Ventín tiveron a oportunidade de demostrar as súas destrezas e habilidades co instrumento que tocan.