[11-05-2016] Durante o mes de abril as bibliotecas municipais de Ames ofreceron unha serie de actividades, celebrando dúas datas sinaladas no seu calendario: o día do Libro Infantil e o Día do Libro. En total 367 nenos e nenas achegáronse, moitos deles acompañados dos seus pais ou nais, ata as bibliotecas de Bertamiráns e do Milladoiro. Unha maratón de contos, un bingo literario, xogos de cartas ou un obradoiro de marcapáxinas son só algunhas das actividades que organizaron as persoas encargadas das bibliotecas amesás.
As bibliotecas municipais comezaron o mes de abril impartindo un obradoiro de marcapáxinas, no que participaron 77 nenos e nenas. Empregando cartolina rapaces e rapazas pasaron a tarde deseñando e decorando puntos de lectura para os seus contos.
No obradoiro de xogos literarios rapaces e rapazas de 6 a 8 anos participaron en distintas actividades, todas elas relacionadas coa lectura e protagonizadas por contos de sobra coñecidos polo público. Ambas bibliotecas contaron con 17 persoas participantes, que xogaron a atopar os versos de “Xan Perillán”, aprenderon as regras dun xogo xaponés de cartas, chamado “Karuta”, recompuxeron títulos dos seus contos favoritos aos que a “Bruxa Comevogais” lles roubara as letras, competiron por acertar máis palabras no “Bingo Literario” e divertíronse creando historias cos xogos “Sobre Poeta” e “Que tipo de monstro es?”. Esta xornada rematou coa lectura dramatizada de varios textos, para a que nenas e nenos tiveron que formar parellas.
Maratón de Contos
Outra das actividades do mes de abril, que gozou dunha gran acollida por parte do público, foi a Maratón de Contos. Nela estaban convidados a participar nais e pais, que esta vez foron parte activa ao longo da tarde coas súas narracións de varios contos escollidos por eles e elas mesmos. En Bertamiráns apuntáronse 13 narradores e narradoras e no Milladoiro fixérono 12. A través desta xornada queríase dar recoñecemento a importancia do ámbito familiar na adquisición do hábito e do pracer da lectura.
Ademais destas actividades tiveron lugar, tamén en ambas bibliotecas, as sesións de contacontos “Bo proveito” e as narracións de Dadá O Duende. As dúas, de participación libre e aberta, contaron cun amplo público.
Ao longo de todo o mes unha exposición bibliográfica conmemoraba as citadas datas: as fábulas e contos de Christian Andersen e as obras de Miguel de Cervantes foron seleccionadas e postas a disposición do público. Ademais as persoas usuarias das bibliotecas puideron deixar a súa pegada no mural Express-Arte, no que se lles convidaba a escribir todo aquilo que desexasen relacionado coa literatura e a lectura.
Dende as bibliotecas municipais mostran a súa satisfacción ante a alta participación e a boa acollida das actividades por parte, tanto dos nenos e nenas como dos pais e nais. Ademais a realización destes obradoiros permitiu facer un exercicio de autocrítica, analizando todo aquilo que funcionou e buscando modificar aspectos a mellorar.
Visita do CEIP A Maía á biblioteca
Con motivo do Día do Libro os alumnos e alumnas de 5º curso do CEIP A Maía visitaron a biblioteca de Bertamiráns. Os alumnos tiveron a oportunidade de coñecer o funcionamento e as normas da biblioteca, así como o fondo destinado as súas idades e tamén puideron gozar dunha sesión de contacontos na que se traballaron os contos: “Un conto de galiñas”, “Chibos, chibóns”, “Paxariña de papel” e “Crocodilo”.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Cuatrocientos jóvenes se sumaron al programa de las bibliotecas amienses"




