Pestanas principais

Preto de 40 mozos e mozas participaron nos cursos de primeiros auxilios e dinamización de eventos infantís da OMIX

Martes, 04 de decembro de 2018

[04-12-2018] Un total de 38 mozos e mozas participaron nos cursos de primeiros auxilios e dinamización de eventos infantís, organizados pola Oficina Municipal de Información Xuvenil de Ames. Trala formación, o alumnado valorou de maneira moi positiva a formación recibida en ambas as dúas actividades. Asemade, a OMIX organizou, para decembro, outros dous obradoiros de oito horas de duración dirixidos a mozos e mozas de entre 16 e 30 anos. Nesta ocasión, ambos se engloban no ciclo “Máis que 2.0”, ao abeiro do programa de accións formativas Lidera.


A finais de novembro rematou o curso de primeiros auxilios impartido dende o pasado 30 de outubro. Durante un total de vinte horas, 20 mozos e mozas aprenderon unha serie de actuacións e técnicas que, ante certos accidentes, lles permitirán asistir de forma inmediata co obxectivo de que as posibles lesións non empeoren, mentres se espera pola asistencia médica profesional. Así, traballaron contidos como o mantemento do soporte vital básico, a inmobilización de persoas enfermas ou feridas, e como intervir fronte feridas, contusións, queimaduras ou traumatismos.

Deste xeito, o obxectivo desta formación é que os alumnos e alumnas saian desta formación coñecendo os fundamentos básicos dos primeiros auxilios, como aplicar as técnicas de reanimación cardiopulmonar cando sexa necesario, a mobilizar de maneira correcta a unha persoa ferida ou enferma e as técnicas básicas para poder actuar ante persoas con hemorraxias, feridas, queimaduras ou con traumatismos.

Asemade, 18 mozos e mozas participaron no curso de dinamización de eventos infantís, que tivo lugar na Casa da Cultura do Milladoiro. Nesta ocasión, o contido do curso xirou arredor de diversos aspectos orientados á animación de eventos infantís, como son a maquillaxe, a globoflexia xigante para decoración ou a globoflexia infantil. Este taller, de oito horas, é concibido como unha formación complementaria, tanto para monitoras e monitores como para persoas interesadas en formarse en actividades vinculadas ao lecer infantil.

Unha ampla oferta formativa para a xuventude
A OMIX organizou, para o mes de decembro, outros dous obradoiros de oito horas de duración dirixidos a mozos e mozas de entre 16 e 30 anos. Nesta ocasión, ambos se engloban no ciclo “Máis que 2.0”, ao abeiro do programa de accións formativas Lidera, impulsado polo Concello de Ames co obxectivo de facilitar á mocidade amesá os recursos e ferramentas necesarias para favorecer o emprendemento, a creatividade e as perspectivas de futuro.

Deste xeito, impartirase un taller sobre marketing dixital, que se desenvolverá os días 10, 12 e 14 de decembro na aula CeMIT da Casa da Cultura de Bertamiráns, en horario de 17.00 a 20.00h. Nesta ocasión, os asistentes recibirán formación sobre aspectos como o posicionamento en buscadores, blogs, boletíns, afiliacións ou banners, así como as funcións do community manager, o deseño e presenza nas redes e a creación dun plan de marketing dixital.

Ademais, estanse realizando obradoiros de emprendemento xuvenil nos centros de ensino secundario de Ames, nos que se tratan tanto nocións básicas de emprendemento, como a planificación e a posta en marcha dun proxecto emprendedor e se coñecen exemplos reais de startups. Un grupo de 4º de ESO do IES de Ames acaba de recibir esta formación, e será na última semana de curso, unha vez rematadas as avaliacións, cando se impartirá para varios grupos de bacharelato.



Contido relacionado


Compostela 24 horas: "Ames organizou un curso de primeiros auxilios e outro dinamización de eventos infantís"