[03-02-2014] O Concello de Ames dispón de numerosas instalacións para a práctica de diversas modalidades deportivas que lle permiten a súa utilización aos interesados, ao poder facer uso delas como particulares ou como asociados a clubs e colectivos. Algunhas destas instalacións deportivas son os pavillóns polideportivos de Bertamiráns e do Milladoiro, os campos de fútbol de Bertamiráns e do Milladoiro, as pistas municipais de pádel, así como as instalacións do Club de Piragüismo Ribeiras do Tambre, que están situadas na área recreativa de Tapia. Estas instalacións municipais son empregadas por un total de 2.910 persoas.
Existen varios complexos deportivos municipais tanto en Bertamiráns coma no Milladoiro que centralizan unha gran parte das actividades deportivas programadas. Por unha banda, os pavillóns polideportivos son empregados, tanto polos usuarios/as (nenos/as e adultos) que participan nas escolas deportivas municipais, como por persoas pertencentes a diferentes clubs amienses. Estes pavillóns polideportivos empréganse ao longo de toda a semana.
O Concello de Ames ofrece un amplo abano de actividades deportivas co fin de mellorar a calidade de vida de toda a cidadanía amiense. Para iso no pasado mes de outubro púxose en marcha unha nova edición das escolas deportivas, que se desenvolven nas localidades de Bertamiráns e O Milladoiro. Como novidade, neste curso introducíronse novas disciplinas, destinadas especialmente ao público feminino, como son o judo, o ballet ou a ximnasia rítmica.
Un total de 1.741 persoas participan nas diferentes actividades que conforman a programación das escolas deportivas municipais. Estes usuarios/as empregan as instalacións dos pavillóns polideportivos municipais, así como outras instalacións dos centros socioculturais de Bertamiráns e do Milladoiro. Ademais, hai que sumar 250 persoas, pertencentes a diferentes clubs deportivos de Ames, que tamén empregan os pavillóns municipais.
Uso dos campos de fútbol municipais
Os campos de fútbol de Bertamiráns e do Milladoiro son empregados por 676 persoas, pertencentes a varios equipos de fútbol do concello, que realizan os seus adestramentos e disputan os seus correspondentes partidos de fútbol nestas instalacións. O campo municipal do Milladoiro é empregado por un total de 290 usuarios/as. Estas instalacións son empregadas por 200 usuarios/as do Milladoiro SD, 20 usuarios/as do Ortoño FC, por 35 usuarios/as do Biduído SR, e por outros 35 usuarios de equipos de veteranos. Por outra banda, no campo municipal de Bertamiráns practican deporte un total de 386 persoas. Estas instalacións son utilizadas por 310 usuarios/as do Bertamiráns FC, 40 usuarios/as do club Estela 25, e por 36 usuarios de equipos de veteranos.
Ademais, un total de 55 persoas utilizan as instalacións do Club de Piragüismo Ribeiras do Tambre, que están situadas na área recreativa de Tapia, e 188 persoas empregan as pistas de pádel municipais. Segundo os datos proporcionados pola Concellaría de Deportes as pistas de pádel teñen un uso dunhas 1.500 horas ao ano.
A concelleira de Deportes, María Eugenia Martín, destacou a aposta que fai o Concello de Ames por fomentar a práctica deportiva, tal e como demostran os números de uso das diferentes instalacións municipais. “Tanto os pavillóns como os campos de fútbol contan cun gran número de usuarios e usuarias durante toda a semana. Ademais, as instalacións do Club de Piragüismo Ribeiras do Tambre e as pistas municipais de pádel permiten a práctica de outros deportes que cada vez teñen máis adeptos. Todas estas instalacións son empregadas tanto por particulares como por persoas vinculadas a diferentes clubs deportivos de Ames”, explica a concelleira de Deportes.




