Pestanas principais

Preto de 300 nenos/as e mozos/as amienses participaron nos campamentos municipais de verán 2014

Martes, 12 de agosto de 2014

[12-08-2014] Este ano un total de 265 nenos/as e mozos/as gozaron duns días de descanso e divertimento nos campamentos municipais de verán, que se desenvolveron na granxa escola Fervenzas do Toxa (Silleda), na granxa escola El Kiriko (Fornelos de Montes), no Albergue Fundación González Ferreiro (Allariz), no campamento xuvenil Ribeira Sacra (Quiroga) e no campamento urbano da Aula da Natureza. O pasado domingo, 10 de agosto, rematou o último campamento municipal de verán deste ano. Un total de 22 rapaces e rapazas de 5º e 6º de educación primaria pasaron unha semana no Albergue Fundación González Ferreiro de Allariz. A través destas actividades os rapaces e rapazas tiveron a posibilidade de pasar uns días divertidos ao tempo que fixeron novos amigos.


Campamento xuvenil
Por outra banda, un grupo de 50 mozos e mozas, que cursaron estudos de ensinanza secundaria obrigatoria durante o pasado curso estiveron oito días no campamento xuvenil da Ribeira Sacra, en Quiroga, no que puideron participar en diferentes actividades deportivas nun entorno espectacular como é o da Ribeira Sacra. Neste campamento, que se desenvolveu entre o 6 e o 13 de xullo, participaron os mozos e mozas que cursaron 1º, 2º, 3º e 4º da ESO. As activades desenvolvidas neste campamento tiveron como fío condutor e unificador a natureza. Os mozos/as puideron practicar varias disciplinas deportivas nun espazo medioambiental no que aprenderon a través do xogo, e onde o río tivo un papel protagonista.

Entre o 7 e o 18 de xullo desenvolveuse o campamento urbano nas dependencias da Aula da Natureza. A través desta actividade tratouse de que os rapaces e rapazas pasasen unhas tardes entretidas durante a época estival. Os 20 nenos e nenas que se inscribiron neste campamento participaron en obradoiros, xogos e excursións. Deste xeito, participaron en dúas saídas. Nunha delas realizaron unha andaina ambiental polas beiras do río Tambre, e noutra, os rapaces e rapazas visitaron a fábrica de FEIRACO. Estas excursións combináronse con outras actividades como obradoiros de cociña, xogos tradicionais, obradoiros ambientais e actividades de horta.

Por último, un total de 22 rapaces e rapazas de 5º e 6º de educación primaria pasaron unha semana no Albergue Fundación González Ferreiro de Allariz. Este grupo de rapaces e rapazas realizaron as mesmas actividades que os nenos e nenas de 3º e 4º de primaria, que estiveron neste mesmo campamento dende o 30 de xuño ata o 3 de xullo. A través destas actividades os rapaces e rapazas tiveron a posibilidade de pasar uns días divertidos ao tempo que fixeron novos amigos.

Os nenos/as de 3 e 4 anos, que cursaron 1º e 2º de educación infantil, foron os primeiros en ir de campamento. Un grupo de 21 nenos e nenas pasaron dous días e unha noite no campamento da granxa escola Fervenzas do Toxa, situado en Silleda, no que realizaron diversas actividades con animais (déronlle de comer ás ovellas, visitaron as cuadras desta granxa escola onde hai galiñas, coellos, ovellas, etc.); colleron os ovos das galiñas para facer madalenas; realizaron traballos nas hortas (probaron diferentes hortalizas como o repolo, chícharos, cebola, etc.); e por último tamén tiveron tempo para divertirse e bañarse na piscina.

Os seguintes rapaces e rapazas en ir de campamentos foron os de 5 a 6 anos, que cursaron 3º de educación infantil. Neste caso uns 25 rapaces e rapazas tamén estiveron no campamento da granxa escola Fervenzas do Toxa durante os días 26, 27 e 28 de xuño. Este grupo de nenos/as realizaron as mesmas actividades que os anteriores, pero ademais, participaron en actividades de hípica, escalada en rocódromo, nun obradoiro de anfibio, en xogos de grupo e en veladas nocturnas.

De seguido, un grupo de 79 rapaces e rapazas de 7 a 8 anos, que cursaron 1º e 2º de educación primaria, acudiron á granxa escola El Kiriko, situada en Fornelos de Montes. Neste caso, a estancia foi do 27 ao 29 de xuño e participaron en diferentes actividades nas que se encargaron de limpar e coidar aos animais desta granxa-escola, coñeceron diferentes plantas aromáticas, participaron nunha xincana acuática e nun obradoiro de pegadas, así como nun obradoiro para coñecer a flora e fauna dos regatos e nunha gran festa de despedida.

Ademais, un grupo de 48 nenos/as de 9 a 10 anos, que cursaron 3º e 4º de educación primaria, estiveron no Albergue Fundación González Ferreiro de Allariz dende o 30 de xuño ata o 3 de xullo. Neste caso, estes rapaces e rapazas visitaron a localidade de Allariz, onde participaron nun xogo de pistas e en actividades de hípica. Tamén visitaron a radio municipal de Allariz, onde puideron gravar un programa radiofónico, e a área recreativa de Allariz, onde puideron comer e refrescarse nas piscinas que hai neste lugar. Ademais, visitaron o ecoespazo do Rexo no cal puideron coñecer as diferentes razas de ovellas e cabras que teñen. Neste lugar tamén traballaron cos queixos que elaboran (coñeceron o seu proceso de elaboración, probáronos e elaboraron o seu propio queixo).


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Trescientos amienses fueron de campamento"