Pestanas principais

Preto de 300 nenos e nenas participaron no Xuño Lúdico

Venres, 01 de xullo de 2011

[01-07-2011] O Concello de Ames organizou por oitavo ano consecutivo o programa de conciliación laboral e familiar, Xuño Lúdico. Este programa estivo dirixido aos nenos e nenas empadroados no Concello de Ames e que cursaron segundo ciclo de educación infantil ou educación primaria. O servizo desenvolveuse durante os días 23, 27, 28, 29 e 30 de xuño para cubrir as xornadas que restan entre o remate do curso escolar e o inicio da Escola de Verán. Durante a última xornada os nenos/as participaron en varias xincanas, xogos, actividades de globoflexia e viron unha película. Deste xeito despedíronse do Xuño Lúdico ata o próximo ano, aínda que moitos/as continuarán asistindo as actividades da Escola de Verán que comezan o 1 de xullo.

O verán é unha época para pasalo ben, sobre todo para os cativos e cativas, pois teñen tres meses enteiros libres. Moitos pais e nais non contan coa mesma sorte, e as súas obrigas laborais fan máis difícil conciliar o traballo co coidado dos seus fillos e fillas. Para axudar a estas familias, o Concello de Ames puxo en marcha o Xuño Lúdico, unha iniciativa na que se lles ofreceu actividades lúdicas e educativas a uns 280 rapaces e rapazas mentres os seus pais e nais traballaban.

Este programa estivo dirixido aos nenos e nenas que este ano cursaron estudos de educación infantil ou educación primaria. Con este servizo pretendeuse ofrecer unha alternativa que, ademais de ocupar o tempo de lecer dun xeito divertido e educativo na época de vacacións escolares, permitise ás nais e pais conciliar a vida laboral e familiar. Estas actividades desenvólvense durante os días 23, 27, 28, 29 e 30 de xuño, dende as 07:30 h. ata as 16:00 horas.

O Xuño Lúdico enmárcase dentro dos programas de conciliación da vida laboral e familiar que pon en marcha o Concello de Ames ao longo de todo o ano. O programa desenvolveuse en Bertamiráns e no Milladoiro nos locais habilitados polo Concello. En Bertamiráns, as actividades realizáronse para todos os cativos e durante todos os horarios no pavillón polideportivo e no campo municipal de fútbol, mentres que no Milladoiro leváronse a cabo na Escola de Educación Infantil do Milladoiro e no pavillón polideportivo. En Bertamiráns participaron 120 nenos e nenas e no Milladoiro acudiron a este servizo un total de 160 rapaces e rapazas.

Durante a última xornada os nenos e nenas realizaron varios xogos ao aire libre. En Bertamiráns, os rapaces e rapazas de primaria participaron nunha xincana no campo de fútbol municipal de fútbol, mentres que os nenos e nenas de educación infantil participaron en actividades de globoflexia no pavillón polideportivo. No Milladoiro, os rapaces e rapazas de educación primaria tamén participaron nunha xincana e nun xogo de pistas chamado "en busca do tesouro". Os máis pequenos, que están na Escola Infantil do Milladoiro, participaron nun xogo de pistas e viron unha película para despedirse do Xuño Lúdico ata o próximo ano.

Durante estes cinco días os cativos/as gozaron con xogos ao aire libre para romper coa dinámica de traballo que mantiveron durante os últimos días de curso. Os rapaces e rapazas de Bertamiráns participaron en diferentes xogos e obradoiros que xiraron arredor de tres grandes temas: os bosques, o risco de incendio e a chegada do verán. Deste xeito os cativos realizaron monicreques, árbores de papel, broches coa figura dun moucho, crebacabezas sobre os bosques, etc. Ademais participaron en diversos xogos relacionados cos bosques e o verán.

Os nenos e nenas que participaron no Xuño Lúdico no Milladoiro estiveron divididos en dúas zonas, na Escola de Educación Infantil do Milladoiro e no pavillón polideportivo. Os nenos/as do Milladoiro participaron en diferentes actividades relacionadas coa temática do San Xoán. Así, durante a primeira xornada souberon máis sobre as tradicións e lendas que están relacionadas co San Xoán. Ademais prepararon a auga de rosas para lavar a cara na mañá do día 24 de xuño. Ao longo desta semana houbo varias sesións de contacontos, xogos relacionados con esta temática, así como un concurso de conxuros máxicos.



Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Los planes de conciliación atendieron a 600 escolares"