Pestanas principais

Preto de 300 atletas participaron na segunda edición da carreira-andaina solidaria

Martes, 05 de abril de 2011

[05-04-2011] A segunda edición da Carreira-andaina Solidaria levou onte ao Milladoiro a preto de 300 atletas dispostos a correr en beneficio das familias máis desfavorecidas de Galicia. O Club de Atletismo Milla Raio impulsou xunto a Cáritas Milladoiro este evento no que os corredores puideron gozar dunha mañá de deporte á vez que axudaban a unha boa causa. O atleta Pedro Nimo del Oro non se perdeu tampouco a cita e foi o padriño desta II Carreira-andaina Solidaria. O tempo acompañou e a recadación solidaria situouse en 1.221,40 euros. O alcalde de Ames, Carlos Fernández, acompañado de varios concelleiros/as do grupo de goberno participaron nesta proba e despois entregaron os premios na Casa da Cultura do Milladoiro.

A II Carreira-Andaina Solidaria no Milladoiro foi todo un éxito de participación. Arredor de 300 atletas, con maioría de federados, participaron na carreira nas súas diversas categorías que correron ao longo da mañá. O evento comezou ás 11:00 horas na área deportiva do Milladoiro, apadriñado polo atleta santiagués Pedro Nimo del Oro, que tamén quixo participar correndo cun previsible excelente resultado. Baixo o lema "Nós corremos polos demais, e ti?", a solidariedade volveu ao Milladoiro con esta segunda edición na que os fondos conseguidos, 1.221,40 euros, foron destinados ás familias con menos recursos de Galicia. Na anterior ocasión a recadación destinárase a Haití.

A carreira dividiuse en varias categorías que correron en circuítos de distinta lonxitude. Así, os prebenxamíns, nacidos en 2004 e os anos posteriores, correron unha distancia de 300 metros nunha probas que tivo a súa saída ás 11:00 horas. Ás 11:15 horas foi a quenda dos benxamíns, nados en 2002 e 2003. Os nenos e nenas desta categoría correron 1.000 metros, igual que fixeron os alevíns, categoría formada por nenos e nenas que naceron en 2000 e 2001. Esta carreira tivo lugar tamén ás 11:15 horas.

Ás 11:30 horas tocoulles correr a infantís (anos 1998 e 1999) e cadetes (1996 e 1997). Estas categorías fixeron cadansúa carreira de 1.400 metros. As categorías superiores correron todas elas 5.000 metros. É o caso da categoría xuvenil-junior, nacidos entre 1992 e 1995, promesa-senior, desde 1991 a 1976, e veteranos, os nacidos antes de 1976. As probas das tres categorías comezaron ás 12:00 horas. Ao remate das probas houbo un servizo de avituallamento líquido e sólido que correu a cargo das entidades colaboradoras. En total foron preto de 300 atletas os que participaron no conxunto das probas, cunha presenza de nenos e nenas corredores salientábel.

A iniciativa solidaria estivo aberta tamén a persoas que non tivesen moita afección polo deporte ou non se atopasen en boa forma física. Así, ás 12:00 horas tivo lugar unha andaina na que todos eses veciños e veciñas, arredor de 200 persoas, tomaron parte sen someterse a un intenso esforzo físico. Outra forma de colaborar solidariamente foi a entrega de alimentos non perecedoiros na Operación Kilo que se organizou no propio evento.

A entrega de premios e os sorteos tivo lugar, ás 13:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. Os tres primeiros clasificados de cada categoría establecida recibiron un diploma de honra acreditativo, contando xuvenil-junior e promesa-senior como unha única categoría. O tempo acompañou toda a xornada a un evento que desde o Club de Atletismo Milla Raio se valora positivamente e se cualifica de éxito.