Pestanas principais

Preto de 30 veciños de Ames visitarán mañá a Cidade da Cultura

Venres, 26 de outubro de 2012

[26-10-2012] A Cidade da Cultura de Galicia será o destino da visita organizada pola Concellaría de Cultura do Concello de Ames para mañá. Preto de 30 veciños e veciñas amienses gozarán desta excursión. O obxectivo é ofrecerlle á veciñanza amiense a posibilidade de coñecer o complexo arquitectónico e as exposicións que están abertas ao público neste momento: Gallaecia Pétrea e a mostra que expón os Códices de cinco dioceses galegas xunto co orixinal do Códice Calixtino.

En total, preto de 30 veciños e veciñas de Ames poderán gozar desta visita. As inscricións realizaronse por rigorosa orde de entrada. A excursión, que inclúe traslados en autobús e visitas guiadas ás exposicións, terá un custo de 5 euros para os adultos e de 2,5 euros para as persoas menores de 18 anos. 

A excursión comezará ás 10:00 horas coa saída dos autobuses de Bertamiráns e do Milladoiro. Está previsto que a visita á Cidade da Cultura comece ás 10:30 horas. O percorrido comezará pola visita e coñecemento do complexo arquitectónico e continuará coa entrada ao Museo para contemplar a exposición Galicia Pétrea e a mostra Códices, na que se reúnen os códices de cinco dioceses galegas e o orixinal do Códice Calixtino. A visita rematará ás 13:30 co regreso a Ames.