Pestanas principais

Preto de 30 rapaces exerceron de escritores no obradoiro

Mércores, 20 de abril de 2011

[20-04-2011] Incentivar as capacidades de creación dos rapaces e rapazas no eido da creación literaria a través de diversos xogos incentivando deste xeito a capacidade fabuladora destes, esa era a intención do obradoiro "Convértete en escritor" celebrado na biblioteca de Milladoiro e na de Bertamiráns ao que asistiron preto de 30 rapaces e rapazas. Repartir unha serie de imaxes entre os rapaces e deixar que estes inventaran diversos aspectos das personaxes que aparecían nelas, contestar a unha serie de preguntas e crear coas respostas dadas ao azar unha historia absurda pero simpática, buscar finais a varios textos do escritor e pedagogo italiano Gianni Rodari e fabricar un marcapáxinas foron as actividades realizadas polos participantes. Deste xeito, os rapaces e rapazas exerceron de escritores por un día e iniciáronse na creación literaria.

Preto de 30 rapaces e rapazas exerceron de escritores por un día no obradoiro "Convértete en escritor". Esta actividade realizouse na biblioteca de Bertamiráns e do Milladoiro aos que acudiron 15 e 13 nenos e nenas respectivamente. A través de diversos xogos de carácter lúdico iniciáronse nas técnicas de creación de personaxes, situacións e historias aprendendo así a dar forma dun xeito básico a diversos relatos que se poden ler no blog dos obradoiros da biblioteca -bibliobradoiros.blogspot.com- onde se colgaron os traballos dos participantes.

No primeiro dos xogos realizados, os participantes, divididos en grupos recibiron distintas ilustracións nas que aparecían diversas personaxes e tiñan que crear unha historia con eles, aplicándolles unha determinada personalidade, situándoos nun contexto espacial e temporal e creando un comezo, un nó e un desenlace do relato que protagonizaban. Así, os rapaces tiveron que darlle nome a un dragón -Ramón- ao que situaron nun determinado contexto realizando unha acción -celebrando un pícnic no campo-, presentando deste xeito ao personaxe principal para pasar despois a elaborar o nó da historia -quedou sen comida e intentou papar unha escavadora que había por alí- que derivou nun final non sempre feliz -coa morte do dragón porque a escavadora non tiña carne que lle comer-.

Outro dos xogos realizados foi o das "historias tolas", que consistía en que cada rapaz dese resposta a unha pregunta que recibía por azar e con estas respostas elaborasen unha historia que debido ao elemento predominante do xogo -o azar- acabaron por ter un carácter delirante e divertido á vez. Así, respondendo a preguntas como "¿quen é?", "¿onde está?", "¿que fai?", "¿que di?", "¿que lle contestan os demais?" e "¿como remata todo?" as mentes dos nenos e nenas que asistiron aos obradoiros deron vida a seres como un lobo que se dedica a deseñar roupa para modelos na súa casa que di que ten unha vaca rosa con lunares amarelos metida no coche ao que lle responden que están fartos de escoitalo, ou a un crocodilo que está a escribir nun papel que ten fame ao que lle din que o que ten que facer é traballar e non ser un vago e que remata "fatal".

Para rematar, e xa no plano das manualidades, deseñaron e elaboraron cadanseu marcapáxinas que de seguro utilizarán durante a lectura dos seus libros favoritos.